Os xulgados contenciosos comezan a anular liquidacións de plusvalía
Por Redacción
O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra emitiu este xoves a primeira sentenza de Galicia na que aplica o novo criterio do Tribunal Constitucional respecto ao imposto de plusvalía.
Na resolución, contra a que non cabe presentar recurso, o maxistrado considera "claros e indubidados" os efectos do fallo do Tribunal Constitucional do pasado 26 de outubro sobre o tributo.
Así, destaca que todas as liquidacións do imposto recorridas en prazo e anteriores ao 10 de novembro de 2021 se deben declarar nulas de pleno dereito.
Ademais, salienta que esa nulidade se produce "con independencia e á marxe de que entre as dúas transmisións do inmoble se producise un aumento ou unha diminución do seu valor".
O xuíz destaca que, tal como concluíu o Tribunal Constitucional, o sistema de determinación da base impoñible do tributo, regulado no Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLHL), era, na súa orixe, "incorrecto e inconstitucional".
Por iso, exime a un veciño de abonar 660 euros ao Concello de Sanxenxo polo Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana -plusvalía- debido á transmisión dun inmoble realizada en maio de 2013. Desta forma, condena ao Concello de Sanxenxo a devolverlle ao recorrente a cantidade que, no seu caso, abonase en execución desa liquidación.
Relacionadas:
-
Sanxenxo aplicará bonificacións na nova ordenanza de plusvalías
Por Redacción |
-
O ORAL coordina cos concellos o reinicio na liquidación dos impostos de plusvalía
Por Redacción |
-
Devolución das plusvalías, demanda do PP ao goberno local tras a sentenza do Tribunal Constitucional que as anula
Por Redacción |