Ana Pastor e Ángel Moldes defenden que unha saída da AP-9 en Portosanto sería "viable, económica e útil"
Por Redacción
A vicepresidenta do Congreso e ex ministra de Fomento, Ana Pastor, e o presidente do PP de Poio, Ángel Moldes, visitaron este venres o núcleo de Portosanto para explicar a emenda presentada polo grupo parlamentario popular aos Presupostos Xerais do Estado de 2022 para a creación dunha saída da AP-9 neste punto.
Pastor e Moldes estiveron acompañados dos deputados nacionais Diego Gago e Juan Constenla e membros do grupo municipal e destacaron que esta emenda que supón unha actuación non só para Poio, senón para toda a comarca de Pontevedra e o Salnés que sería "viable, económica e útil".
"Cremos que é unha actuación moi necesaria", destacou Moldes, que sinala que facer unha saída na AP-9 permitiría aos usuarios que veñan dirección Vigo puideran saír en Portosanto sen ter necesidade de ir ao Nó de Bombeiros ou á Ponte da Barca. Polo tanto, permitiría acceder directamente ao Concello de Poio desde a autoestrada neste lugar da parroquia de San Salvador.
Moldes subliñou que agora mesmo o 90% da vía que conecta coa autoestrada xa é de dobre sentido, polo que realmente o que se tería que construír sería o carril de deceleración para permitir a saída, conectando coa PO-309.
Tería, ademais, unha vantaxe, que a parcela sobre a que habería que actuar, de arredor de 1.000 metros cadrados, xa é de titularidade estatal. Polo tanto, "non tería moito custo, conlevaría pouca obra e a cambio faría moito para mellorar o tráfico e a mobilidade en toda a zona".
Moldes destacou que a actuación permitiría a eliminación de vehículos pesados e turismos da zona da Barca, desconxestionando a actual saída da autoestrada Pontevedra Norte e a PO-308, eliminando moitas retencións e permitindo unha circulación máis fluída, ao proporcionar unha saída directa.
Esta nova conexión daría servizo directo ás parroquias de San Salvador e San Xoán, con máis de 13.000 veciños beneficiados directamente.
Ana Pastor destacou tamén outra das emendas presentadas polo PP, para a construción dunha senda entre A Seca e Combarro, que daría continuidade á senda entre Campelo e A Seca, construída durante o Goberno de Mariano Rajoy, con Ana Pastor como Ministra de Fomento.
A vicepresidenta do Congreso amosou a súa sorpresa por que algúns grupos políticos votasen no Congreso en contra destas dúas iniciativas, como a da saída de Portosanto, "que cun coste reducido, de 300.000 euros solucionaría un problema moi importante".
Relacionadas:
-
Lores espera que nos próximos tres meses o Ministerio licite a reforma do nó de bombeiros
Por Oskar Viéitez |
-
Os Orzamentos do Estado son, segundo o PSOE, "unha magnífica nova para Pontevedra"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Poio solicita unha saída na AP-9 en Portosanto e a senda peonil entre A Seca e Combarro
Por Redacción |
-
A Deputación financiará a reforma da contorna de Portosanto, Saíñas e A Puntada
Por Redacción |
-
Ana Pastor censura a "tomadura de pelo" do Goberno de Pedro Sánchez con Pontevedra
Por Alejandro Espiño |