'Nichos de negocio', unha empresa dedícase á limpeza de tumbas
Por Oskar Viéitez
Cada vez son menos as persoas que visitan con regularidade o cemiterio para manter limpa a tumba dos seus familiares falecidos. A consecuencia inmediata é que, durante a maior parte do ano, as tumbas se encontran sucias e descoidadas. Isto parece non importar demasiado, salvo cando chega esta data tan sinalada e a familia quere que luzan limpas e arranxadas.
Esta actitude que pode parecer un acto de desleixo ou hipocrisía, responde máis a factores culturais e ás dificultades que teñen certas persoas para realizar estas tarefas.
Coa crise xurdiron novos "nichos de negocio", unha expresión que neste caso vale para referirse ás empresas de limpeza que ofrecen traballos puntuais para Todos los Santos, ou ben servizos de limpeza e mantemento mensuais, trimestrais ou semestrais.
Segundo explican dende a firma Eternalia tamén dan a posibilidade de colocar flores, velas, e outros adornos. Ademais cando finalizan un traballo envían unha foto por correo electrónico ou unha mensaxe de confirmación ao teléfono móbil do cliente. O prezo dun servizo de mantemento anual básico rolda os 100 euros, que é o que custa limpar unha tumba catro veces ao ano ou un panteón familiar dúas veces. Pero hai prezos para todos os gustos, dependendo do tipo de enterramento e da frecuencia das limpezas.