Mercar en galego durante o Nadal no comercio de Moraña ten premio
Por Redacción
Impulsar comercio na vila, apostando pola proximidade nas compras de Nadal e promocionando o galego como lingua vehicular. Eses son os obxectivos da campaña que impulsa o Concello de Moraña de cara ao próximo mes de decembro.
Todas aquelas persoas que fagan as súas compras nos comercios e establecementos do centro urbano e do rural da vila, entre o 1 e o 20 de decembro, poderán gañar un vale de 50 euros para gastar de novo nos locais morañeses.
Durante as datas que dure o concurso, con cada compra coa que se queira participar realizada nalgún dos 65 comercios adheridos á iniciativa, será preciso cumprimentar unha papeleta facilitada polo propio establecemento e metela na urna.
Outra modalidade de participación será a través de redes sociais, nos perfís de Moraña Actívase en Facebook e Instagram, onde se levará a cabo un concurso no que os participantes deben recomendar un establecemento do comercio local de Moraña do que sexan clientes e explicar por que o recomendan, sempre en galego.
En total, sortearanse 10 vales de compra de 50 euros para os participantes que merquen en físico e 2 vales entre os concursantes que opten pola opción das redes sociais.
O sorteo será o día 22 de decembro ás 12.00 horas no multiusos e os gañadores serán anunciados a través das redes de Moraña Actívase nese mesmo momento. Os premiados terán ata o 31 de xaneiro para gastar os vales en calquera dos 65 establecementos adheridos.
O Concello destaca que esta campaña persegue concienciar á poboación de que "é importante consumir no comercio de proximidade, especialmente nestas datas, pero tamén concienciar da importancia do uso do galego no noso día a día, nas actividades máis rutineiras".