Bingo Entretido, encontro de maiores e unha sesión de gaming, no programa de Nadal
Por Redacción
A concellería de Benestar Social e Mocidade de Poio programou diversas actividades para estas festas. A partir do 13 de decembro e ata o 8 de xaneiro recuperaranse propostas exitosas que se celebraban antes da pandemia e tamén se poñen en marcha outras iniciativas novas destinadas a público infantil e xuvenil, segundo explicaba a concelleira Rosa Fernández.
Os días 22 e 23 de decembro, de 10 a 14.00 horas, a Casa Rosada será escenario dun taller de introdución á cociña vegana. Será para maiores de 14 anos coa idea de que preparen pratos como canalóns de salsa boloñesa vegana e doces como torta de limón e arandos.
A sede de servizos sociais acollerá o 23 de decembro, a partir das 16.30 horas, unha xornada de xogos de mesa, para maiores de 12 anos. Será unha volta aos tradicionais xogos de taboleiro como o parchís, o xadrez ou afundir a frota, entre outros.
Entre o 28 e o 30 de decembro celebraranse sesións de cinema gratuítas no local social de Campelo, na Escola do Campo de Combarro e tamén na Casa Rosada. Todas comezarán ás 11.30 horas. con títulos como Shazam, Animais Fantásticos, Os crimes de Windelwala e Sonic, a película.
A xornada 'Gaming Nadal' chegará o 8 de xaneiro, grazas á Asociación Gaming Troop. Celebraranse torneos de videoxogos durante todo o día. As persoas gañadoras poderán lograr premios por valor de 300 euros. A capacidade estará limitada a 40 persoas.
ACTIVIDADES PARA PERSOAS MAIORES
Os maiores tamén terán o seu espazo nesta programación cun obradoiro de arte floral, a cargo de Carmen Castro, os días 13 e 17 de decembro, a partir das 17.30 horas. O día 3 manterase unha reunión coas persoas rexistradas para informar sobre os materiais que se utilizarán para elaborar adornos do Nadal.
Os 'chefs' Elena Argüello e Isidro Cao realizarán un curso de cociña os días 14 e 16 con receitas típicas destas datas. Será tamén na Casa Rosada, a partir das 19.00 horas.
Ademais, recupérase o Bingo Entretido, destinado aos maiores para xogar de maneira gratuíta, con premios de enxoval e roupa para os gañadores.
As sesións están previstas o 13 de decembro, ás 11.00 horas na antiga Escola de Tarrío, en Samieira. O 14, ás 10.00 horas, a cita será no Centro da Reiboa, na Seca. O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó acollerá tamén unha sesión ás 17.00 horas e Vilariño, a partir das 19.30 horas. O día 15, o Bingo Entretido celebrarase na Casa Rosada, a partir das 17.00 horas. Finalizará o 16 con dúas sesións: na Escola do Campo de Combarro, ás 11.00 horas, e no local de Campelo, ás 17.30 horas.
O 15 de decembro volverá tamén o encontro de maiores, na Casa Rosada, a partir das 17.00 horas, con chocolatada e actuación de Miguel Martínez.
Todas estas actividades contarán con aforo limitado, polo que será necesario realizar unha reserva previa. O teléfono da Casa Rosada é o 986 87 24 01