Retorna a Raxofesta, o evento gastronómico para recadar fondos para o Barro CF
Por Redacción
A sexta edición da Raxofesta chegará os días 6, 7 e 8 de decembro a Barro coa participación de doce locais da hostalería. Estes establecementos ofrecerán diferentes elaboracións de raxo con prezos que partirán dos tres euros.
Este evento gastronómico organízase para recadar fondos que irán destinados ao club Barro C. F.. Debido á situación sanitaria, as degustacións realizaranse en cada un dos establecementos participantes do municipio adoptando as medidas establecidas polas autoridades.
José Sanmartín, presidente do Barro C. F., afirma que por cada ración consumida, o club recibirá un euro. Tamén en cada local realizarase un sorteo con vales compra e agasallos doados por diferentes entidades comerciais do municipio.
Tamén se organizan diversas actividades. O día 6 haberá pasarrúas polos locais a partir das 19.00 horas, a cargo de Amigos da Música. Na xornada do 8, os establecementos serán amenizados, a partir das 11.00 horas pola Charanga Mil9.
Ademais, aproveitando esta festa, o Barro CF celebrará os Campionatos Interparroquiais Masculino, Feminino e Miudo Mixto, que nos dous primeiros casos desenvolveranse entre o 6 e o 8 de decembro, mentres que o caso do Miudo disputarase o 26 de decembro, no Campo de Outeiro.