O BNG propón un plan de emprego para a mocidade financiado con fondos europeos e vivenda accesible
Por Oskar Viéitez
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo este sábado en Pontevedra un encontro con xente nova ante a que se comprometeu a construír unha Galicia con oportunidades para a mocidade, fronte ao goberno de Alberto Núñez Feijóo "que en doce anos expulsou á emigración a 218.000 mozos e mozas menores de 34 anos".
Nun acto de Galiza Nova en Pontevedra, Pontón dixo que "traballo digno e vivenda accesible son a clave e iso require políticas públicas hoxe inexistentes".
En materia de emprego, o BNG propón a posta en marcha dun plan de emprego xuvenil e un "plan retorna" para traer de volta á mocidade emigrada, financiados con fondos europeos de recuperación, Next Generation.
En canto ao acceso a unha vivenda, o BNG aposta por un banco galego de vivenda para xestionar e administrar vivendas baleiras e poñelas en alugueiro porque "hai 330.000 baleiras a maioría en mans da banca", así como aumentar as axudas ao alugueiro destinadas á xente moza.
"BOTÓN DO PÁNICO NA SEDE DO PP"
A preguntas dos medios sobre a proposta do PP de levar ao Parlamento unha iniciativa sobre a independencia, a líder nacionalista destacou o feito de que o "nerviosismo" do Partido Popular "ante o avance do BNG está levando aos de Feixóo a unha estratexia a medio camiño entre o delirio e o ridículo".
"Están moi nerviosos porque cada vez máis galegos e galegas ven no Bloque a alternativa para construír unha Galiza con futuro, e por iso alguén debeu pulsar o botón de pánico na sede do PP", ironizou.