Xulgan unha pontevedresa por intento de asasinato por lanzar unha botella ao seu veciño pola fiestra
Por Natalia Puga
A pontevedresa M.T.L.R.. sentarase este martes no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra acusada de asasinato en grao de tentativa. O fiscal sostén que intentou matar o seu veciño de 82 anos, co que tiña mala relación, lanzándolle unha botella pola fiestra á rúa.
A muller padece un trastorno de ideas delirantes que garda relación directa co motivo da agresión e que altera totalmente o xuízo da realidade, de modo que o fiscal pide que se lle condene por un intento de asasinato, pero non o seu ingreso en prisión. Así, considera que a conduta da acusada se debe á súa concepción anómana da realidade e indica que á hora de condenala hai que ter en conta a circuncancia eximente de alteración psíquica.
O escrito de acusación da Fiscalía solicita ao tribunal da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra que condene á acusada a dez anos de orde de afastamento nos que non se poida aproximar á vítima nin se comunicar con el e tamén que siga un control médico periódico. Malia non solicitar prisión para ela si quere que se lle condene a indemnizar o seu veciño e suposta vítima con 23.347,67 euros, 7.841,76 deles polas secuelas que lle quedaron.
A muller padece un trastorno de ideas delirantes que garda relación directa co motivo da agresión
Os feitos aconteceron sobre as 9.15 horas do 3 de xaneiro de 2012, cando a acusada estaba na súa casa da rúa Herreros (un segundo piso) e no exterior do edificio, sobre a beirarrúa, se encontraba o seu veciño J.B.A, que por aquel entón tiña 82 anos. Segundo sostén o fiscal, a muller tiña con este veciño "serias diferenzas polas relacións de veciñanza".
A muller supostamente colleu unha botella de cristal dun litro de auga e botouna verticalmente sobre a cabeza do seu veciño. Fíxoo "con pleno coñecemento de que pola altura dende onde se botaba a botella e polo peso e material desta podía causar a morte do veciño".
O home non morreu, pero como consecuencia do impacto da botella si tivo que ser derivado á Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Xeral Cíes de Vigo. Sufriu un traumatismo cranial moderado, fractura temporal dereita, hematomas, hemorraxias, contusións e parálise facial. Todas estas lesións tardaron en curar 399 días, dos que 25 estivo ingresado e 45 imposibilitado para as súas ocupacións habituais. Como consecuencia do botellazo, ao home quedáronlle como secuelas perdas auditivas en ambos os dous oídos.
O día da agresión, o home foi trasladado inmediatamente ao hospital, pero a acusada vivía soa no segundo piso do edificio e pechouse na casa durante 11 horas, sen permitir á Policía Nacional entrevistarse con ela. Finalmente, foi necesario que os Bombeiros de Pontevedra entrasen pola fiestra para abrir a porta dende dentro e permitir que a Policía entrase. Nese momento, a muller foi derivada a un centro hospitalario para a súa avaliación psiquiátrica, pois estaba a tratamento.