Detido un mozo de 26 anos por vender droga nun edificio da rúa Cruz Vermella
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra detivo un home de 26 anos de idade por un presunto delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas.
Segundo informan fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, o arresto tivo lugar o pasado 19 de novembro, sobre as 20 horas.
A Policía Local xa recibira numerosas queixas de veciños da contorna do Estadio da Xuventude e especialmente da rúa Cruz Vermella. Sinalaban a existencia de trapicheo nun edificio desta rúa.
Os axentes municipais dispuxeron un operativo de vixilancia na zona no que se identificaron a tres persoas que se achegaban ata un portal para contactar co que posteriormente resultou detido e que vivía nese edificio. Os policías puideron observar transaccións entre estas persoas, intervíndolles pequenas cantidades de marihuana.
Unha vez constatada a venda, axentes da Policía Local de Pontevedra procederon á detención desta persoa, un home de 26 anos de idade, para a súa posta a disposición xudicial.