Un total de 16 establecementos forman xa parte da rede Cabos Soltos
Por Redacción
As primeiras actuacións e intervencións artísticas baixo o paraugas que ofrece Cabos Soltos xa son unha realidade. Até 16 locais completaron xa o proceso de inscrición para formar parte desta rede local que permite manter unha programación cultural propia da cidade durante todo o ano.
A portavoz do Goberno e concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, afirma que o primeiro balance de datos é "moi positivo", á vista dos locais adheridos á iniciativa e que poden xa comezar a ser sede e fogar dos espectáculos culturais que decidan. Nese sentido, cómpre lembrar que alén da música en directo, Cabos Soltos tamén ampara a realización de eventos doutras disciplinas artísticas, como teatro, exposicións plásticas, mostras fotográficas, monólogos ou recitais líricos.
"Seguimos invitando a todos os locais da cidade a anotarse a esta iniciativa, que o fagan a través da páxina oficial habilitada para iso, e mesmo consultar a listaxe de artistas que tamén forman parte de Cabos Soltos", explica Gulías. "Animamos con todas as nosas forzas a que estes locais programen, pois desde este Concello cremos firmemente que facendo e promovendo a cultura de base estamos creando redes entre artistas e establecementos e, finalmente, o público, e isto beneficiará a toda a cidade en xeral".
Outro dos puntos positivos deste inicio é a posibilidade de comprobar como os locais seguen un patrón variado, e inclúen cervexarías, salas de concertos, locais de ocio nocturno; con terraza, sen terraza; dentro do casco histórico, no ensanche da cidade... E as súas propostas iniciais inclúen cantos de taberna, concertos ao vivo acústicos e eléctricos ou picadiscos, entre outras.
Sexa como for, o Concello tamén lembra que quere involucrar e crear novas conexións entre os artistas de todo tipo que fagan vida na cidade —sexan asociacións ou individuos — e os establecementos de hostalaría, coa idea de achegar as súas obras ao público que acode a estes locais, xerando novas sinerxías e enchendo de cultura cada recuncho.
Nesa liña de traballo, o Concello mantivo unha reunión nos últimos días co colectivo O Galpón Lab, unha asociación sen ánimo de lucro de artistas emerxentes nada na cidade coa idea de promover a creación artística e o intercambio cultural no ámbito local, que confirmou a súa presenza e inscrición en Cabos Soltos, perante a idea de levar os seus proxectos a novos puntos, salas e escaparates.
O calendario de eventos oficial de Cabos Soltos pode ser consultado na web oficial da marca, que xa amosa algúns dos eventos que están por vir o vindeiro mes.
Relacionadas:
-
Cabos Soltos suma medio cento de actividades desde a súa reactivación en novembro
Por Redacción |
-
Conta atrás para a estrea de Cabos Soltos nos bares de Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Un concerto de Niños Mutantes abre unha nova etapa de expansión de ‘Cabos Soltos’
Por Natalia Puga |
-
Ortiga inaugurará o regreso de Cabos Soltos cun concerto na Ferrería o día 23
Por Manu Otero |
-
Pontevedra retoma Cabos Soltos para impulsar a cultura e a hostalería local
Por Manu Otero |