A semana comeza con nubes e claros
Por Redacción
A previsión dos técnicos de MeteoGalicia prevé ceos con nubes e claros nas próximas datas, ocasionalmente moi anubrados. Haberá precipitacións o luns pola mañá e o mércores. En canto ás temperaturas, serán normais para as mínimas e baixas para as máximas respeto ó agardado para este período, con valores que en xeral se manterán sen cambios.
Máis polo miúdo, este luns Galicia irá quedando progresivamente baixo infuencia anticiclónica. Con esta situación, agárdanse ceos con intervalos nubrados, aínda con precipitacións febles pola mañá, que tenderán a desaparecer pola tarde. As temperaturas experimentarán un ascenso, máis acusado nas mínimas. Os ventos soprarán de compoñente oeste, frouxos en xeral, con intervalos de moderado na costa.
Durante o martes Galicia estará baixo feble influencia anticiclónica. Con esta situación, agárdanse ceos nubrados, con posibilidade dalgunha chuvia feble, illada e ocasional, máis probable no norte e noroeste. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso. Os ventos soprarán frouxos, de compoñente sur.
Unha fronte atravesará o mércores Galicia, deixando ceos con abundantes nubes, con precipitacións que pola mañá serán máis persistentes, quedando en forma de chuvascos intermitentes pola tarde. As temperaturas mínimas continuarán sen cambios, mentres que as máximas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán pola mañá frouxos do sudoeste, rolando a noroeste ó paso da fronte, á vez que aumentarán en intensidade, sendo xa fortes no litoral pola noite.