O comercio local protagoniza un Conto de Nadal de Pontevedra e pono en escena na praza do Teucro
Por Redacción
Entre o 17 de decembro e o 6 de xaneiro, a praza do Teucro servirá de escenario para amosar a pontevedreses e visitantes un 'Conto de Nadal de Pontevedra' protagonizado polo comercio local.
Trátase dunha iniciativa da Concellería de Promoción Económica e Turismo en apoio ao pequeno comercio con motivo das festas de Nadal á que xa se adheriron 55 negocios. O prazo para sumarse continúa aberto e todos os comercios que queiran ‘saír’ na historia a visibilizar os seus produtos cun relato de fábula aínda están a tempo.
A praza do Teucro acollerá unha exposición ambientada como un espazo de fantasía para narrar ese Conto de Nadal de Pontevedra.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, deu a coñecer la iniciativa este luns a través dun comunicado e explicou que permitirá visibilizar e poñer en valor aos comercios de proximidade mediante un conto único
A modo de exemplo, cita unha das partes dese conto, a relativa a un dos comercios adheridos, Lanas Teresa Tobío: "Aínda lle faltaba un agasallo para a súa irmá e precisaba que fora algo especial, así que se achegou a Lanas Tobío e alí atopou xusto o que estaba a buscar: un xersei feito a man cunha cor fermosa que lle daría calorciño nas frías tardes de inverno".
Aquelas persoas que se acheguen ata a praza do Teucro para visitar a mostra do Conto de Nadal de Pontevedra terán as opcións de lela ou escoitala, ao dispoñerse dunha guía audiolibro cun código QR que, ao escanearse, reproducirá a historia en audio.
Ademais, haberá seis días nos que se celebrarán sesións de Contacontos a cargo da empresa ‘Onde viven os contos’ para que os máis pequenos poidan vivilo e desfrutalo como se dun espectáculo se tratase. Será ás 17.30 horas dos días 18, 19, 23, 26 e 31 de decembro e 4 de xaneiro.
A firma Sra. Nona Brand levará a cabo a creación e deseño do conto entre os días 1 e 10 de decembro, estando previsto o inicio dos traballos de ambientación e montaxe na praza do Teucro para a semana do 13 de decembro, de xeito que se poida inaugurar o 17 de decembro, coincidindo co inicio da campaña.
O Concello tamén vai entregar aos comercios participantes unha chequeira con participacións para distribuír entre os clientes que efectúen as súas compras de Nadal nos negocios adheridos durante o período de campaña (do 17 de decembro ao 6 de xaneiro).
Os clientes deberán poñer os seus datos persoais e introducilas nunha caixa de correo que estará habilitada para este fin na praza do Teucro. Entre todas as persoas participantes sortearanse dez cheques regalo por valor de 25 euros cada un para trocar por produtos e servizos en calquera dos establecementos comerciais adheridos.
O sorteo terá lugar na Casa da Luz o día 7 de xaneiro e os gañadores serán notificados por vía telefónica.
Toda a información sobre a campaña poderá atoparse na web do Concello de Pontevedra a través da ligazón www.pontevedra.gal/contodenadal.
Relacionadas:
-
Trucos de calceta con selo pontevedrés para vestir bebés de Francia, México ou os países nórdicos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un vídeo promocional marca o inicio da campaña de Nadal no comercio local
Por Redacción |
-
Pontevedra dá a benvida ao Nadal co acendido do alumeado e o poboado da Ferrería
Por Redacción |
-
Decorar os escaparates de Nadal terá premios de ata 1.500 euros en Pontevedra
Por Redacción |
-
Regresa (en)Volve, para que ningún neno pontevedrés quede sen agasallo este Nadal
Por Redacción |