A renovación do alumeado en Alba, Cerponzóns e Campañó elevará ao 90% o LED no rural
Por Alejandro Espiño
Tres novas parroquias de Pontevedra, Alba, Cerponzóns e Campañó, contarán a mediados de 2022 cunha iluminación pública renovada. Todos os seus puntos de luz terán tecnoloxía LED, elevando ao 90% o territorio do rural que xa dispón desta iluminación eficiente.
Nesta actuación, o Concello prevé investir 1,2 millóns de euros, segundo consta nos pregos incluídos no proceso de licitación. As obras terán un prazo de execución de seis meses.
Nestas tres parroquias substituiranse 35 cadros de mando e 2.135 puntos de luz.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, defendeu o investimento realizado polo Concello neste cambio de tecnoloxía, máis de 6 millóns de euros, para que as parroquias do rural conten cunha rede de iluminación de "alta calidade".
As lámpadas LED permiten, ademais, reducir a "luz intrusa" que entra nas vivendas e redirixila con "máis precisión", aproveitando os recursos "dos que dispoñemos".
Para completar esta renovación, segundo Gulías, tan só quedarían por acometer o cambio de iluminación en "algúns puntos" de Salcedo, Tomeza e Lérez.
AFORRO DE MÁIS DE 350.000 EUROS ANUAIS
Este alumado LED permite ao Concello aforrar máis de 350.000 euros anuais na factura da luz, xa que o aforro enerxético alcanza un 75% con respecto á iluminación anterior.
As máis de 9.000 luminarias que se adaptaron a esta tecnoloxía, recollen os cálculos municipais, supuxeron o consumo de case 3,2 millóns de quilowatts/hora menos.
Ademais, Anabel Gulías destacou a "vantaxe" que supón aproveitar para cambiar todos os cadros de mando ou o menor custo de mantemento que xera esta iluminación que, por outra banda, ten maior durabilidade.
Relacionadas:
-
SETGA renovará a LED toda a iluminación pública de Alba, Cerponzóns e Campañó
Por Alejandro Espiño |
-
Verducido e os dous 'Xeves' estrearán iluminación eficiente dentro de seis meses
Por Alejandro Espiño |
-
Unha axuda estatal permitirá renovar a iluminación pública en Verducido e os dous 'Xeves'
Por Alejandro Espiño |
-
Aproban o cambio a LED de toda a iluminación pública de Campañó, Alba e Cerponzóns
Por Alejandro Espiño |