A veciñanza de Bueu xa pode coller prestadas as biotrituradoras
Por Redacción
O Concello de Bueu vén de abrir o prazo para o préstamo de biotrituradoras eléctricas que permitirán á veciñanza tratar nos seus domicilios os restos de poda que xeren e, dese modo, dispoñer de provisión de material estruturante necesario para o óptimo funcionamento dos composteiros.
As persoas que desexen contar cunha das nove biotrituradoras adquiridas pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo, terán que entregar unha solicitude no Rexistro Xeral ou na Sede Electrónica do Concello, xunto a unha copia do recibo do lixo.
Para este servizo, a Mancomunidade conta cunha ordenanza que se publicou no BOPPO a pasada semana e que regula o préstamo das biotrituradoras valoradas en 2.169 euros. Poderán ser persoas usuarias do servizo municipal de préstamo destas máquinas todas as maiores de idade, con domicilio no concello, que se dean de alta no servizo e que se atopen ao corrente nos deberes tributarios coa Mancomunidade.
Este servizo de préstamo permitirá a correcta xestión dos residuos de orixe vexetal no propio fogar. Con elas contribuirase a evitar que os residuos rematen no circuíto de recollida do lixo, co conseguinte aforro na súa xestión, ademais de obter un produto de valor engadido para o programa de compostaxe da Mancomunidade, xa que pode ser empregado como estruturante para os composteiros ou como material para a horta ou xardín. Así mesmo, permitirá reducir o número de queimas, minimizando os riscos de incendio e de contaminación ambiental.
O subministro das biotrituradoras finánciase cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e tamén contan con fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
A ordenanza de préstamo e o formulario de solicitude están dispoñibles na páxina web do Concello de Bueu.