O Concello vincula co PP e "sectores afíns" a manifestación por Raíña Vitoria
Por Alejandro Espiño
A manifestación que o pasado venres esixiu a reapertura ao tráfico da rúa Raíña Vitoria non fixo cambiar de idea ao goberno municipal. O Concello reiterou este luns que esta medida "mellora" a circulación na cidade e non dará o seu brazo para torcer.
Para Anabel Gulías, portavoz do executivo pontevedrés, esta manifestación non presenta "ningunha novidade baixo o sol" xa que estivo protagonizada, asegurou, "polos mesmos de sempre", especialmente polo PP e "sectores afíns".
"Levan desde o principio dos tempos coa mesma cantilena", sinalou Gulías, que apuntou que son persoas que protestan "cada vez que tomamos unha decisión para avanzar no modelo de cidade porque non están dacordo con el".
A edil do BNG engadiu que no Concello causou "gran sorpresa" por ver quen encabezaba esta manifestación por Raíña Vitoria, entre os que identificou a veciños do rural, de Monte Porreiro ou de municipios como Poio ou Marín e traballadores de Ence.
Ademais, fixo notar a presenza de candidatos "futuribles" ás próximas eleccións municipais dos que "queda por ver" se será á fronte dunha candidatura independente ou en "postos de saída" nas xa existentes, principalmente a lista dos populares.
Desde o Concello, segundo a súa portavoz, "imos a seguir facendo o que fixemos ata ou de agora", é dicir, "tomar decisións políticas para mellorar a calidade de vida da xente".
Aínda que asegura que o goberno municipal "escoita a todo mundo", Anabel Gulías reiterou que nas cuestións que "acreditamos" que son beneficiosas para a globalidad dos cidadáns, como o peche de Raíña Vitoria, "seguiremos tomando decisións".
Relacionadas:
-
'Por Pontevedra' leva as súas reivindicacións ao Belén
Por Redacción |
-
"Non nos van a deter porque o peche de Raíña Vitoria é arbitrario e unilateral"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Unha concorrida manifestación esixe ao goberno local a reapertura ao tráfico de Raíña Vitoria
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |