A decisión sobre a gasolineira 'low-cost' proxectada en Salcedo, nas mans dos tribunais
Por Alejandro Espiño
O futuro do proxecto dunha empresa do sector, que quere abrir unha gasolineira en Salcedo, nas inmediacións do Lidl da Avenida de Vigo, decidirase nos tribunais.
A Xunta de Galicia, tras os informes negativos emitidos polos técnicos do Concello, negou a concesión de licenza para construír esta estación de servizo.
Pero a empresa optou por recorrer esta decisión ante a xustiza e agora será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o que deba pronunciarse sobre a legalidade deste permiso.
Ante este procedemento, o alto tribunal galego notificou ao Concello que deberá comparecer como implicado nesta causa, ao xustificar a Xunta a súa negativa a esta gasolineira no informe emitido pola administración municipal.
Desde que transcenderon os plans para crear esta gasolineira de baixo custo en San Brais, a oposición veciñal a este proxecto foi en aumento, entre outras cousas, pola súa proximidade as a vivendas, unha distancia que impide a actual lexislación autonómica.
Ademais, os veciños alertan dos problemas de tráfico que xeraría na zona a presenza desta gasolineira, que pretende estar aberta as 24 horas do día, composta dun depósito para gasóleo e gasolina, catro chafarices e catro cales para os vehículos.
Os plans da empresa é que haxa un único traballador por quenda para axudar aos clientes para encher o combustible.