Denuncian un taxista que circulaba ebrio facendo un servizo ata A Illa
Por Redacción
Un taxista de Pontevedra foi denunciado pola Garda Civil de Tráfico tras dar positivo por alcol e drogas, esta última pendente de confirmación por laboratorio, mentres trasladaba a un pasaxeiro ata A Illa de Arousa.
Os axentes interceptaron ao taxista na tarde de onte cando circulaba de maneira errática pola estrada PO-307, segundo informou o instituto armado.
Deu 0.74 e 0.73 miligramos de alcol por litro de aire expirado nas probas realizadas pola Garda Civil, cuadriplicando o máximo permitido para condutores profesionais. Ademais, tamén deu resultado positivo indiciario na proba de detección de drogas.
Ao condutor do taxi notificóuselle a súa condición penal de investigado como suposto autor dun delito contra a seguridade viaria, ao superar a taxa penal de alcol establecida en 0.60 mg/l.
A iso sumaráselle a sanción administrativa que se lle poderá impoñer no caso de que se confirme o positivo indiciario en drogas.
O vehículo quedou inmobilizado e o viaxeiro que transportaba continúo a viaxe noutro taxi que o levou ata o seu destino na Illa de Arousa.
As dilixencias instruídas entregáronse no xulgado de instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa, onde deberá comparecer o taxista denunciado.