Arranxa co seu tractor o que estropeou co deportivo
Por Oskar Viéitez
O concelleiro delegado de Medio Ambiente do Concello de Sanxenxo, José Luís Rodríguez, informou do inicio do cumprimento por parte dun infractor da sanción imposta tras causar danos na explanada que linda co Centro de Interpretación A Telleira, situado en Vilalonga.
E é que un mozo, que foi localizado posteriormente pola Policía Local, realizou derrapes e trompos neste espazo recientemente acondicionado polo Concello de Sanxenxo.
"Un presuposto solicitado a unha empresa externa valorou en 4.000 euros a reposición desta área ao seu estado anterior polo que acordamos con este mozo que, en vez de impoñerlle unha sanción económica, fose el mesmo quen asumise estes traballos, tarefas que iniciou onte nivelando co tractor o terreo e que continuará os próximos días", explicou o edil.
José Luís Rodríguez aproveitou a ocasión para agradecer públicamente o labor realizado pola Policía Medioambiental en canto á localización do infractor.