Pavimentan en Caroi varios camiños de Cimadevila e A Casola
Por Redacción
Os lugares de Cimadevila e A Casola, na parroquia de Caroi, estrearon nos últimos días camiños completamente renovados. Foron unhas obras nas que se investiron máis de 35.000 euros, financiados a través do Plan Concellos da Deputación.
Con esta actuación, o goberno municipal atendeu unha vella demanda dos veciños da Casola de arranxar unha praza, canalizar as augas pluviais e mellorar o acceso rodado ás vivendas, mentres que, no caso de Cimadevila, asfaltouse o vial que dá acceso ao Seixo e a Santa Mariña.
As obras consistiron na pavimentación en quente dos principais accesos a estes dous lugares así como o formigonado da praza na Casola, no entorno da fonte e o lavadoiro.
Os traballos realizados foron completados pola limpeza e acondicionamento das cunetas así como a canalización de augas pluviais en lugares onde o efecto das choivas provocaba maiores problemas a vivendas e viandantes.
O alcalde Jorge Cubela transmitiulle aos veciños a súa satisfacción porque quedaran contentos co resultado dos traballos realizados pola empresa COVSA.
"Nós somos os primeiros interesados en que todo estea perfectamente porque xa que se fai o investimento queremos que dea resposta á demanda e ás necesidades dos residentes nestes lugares", indicou o rexedor de Cerdedo-Cotobade.
Estas obras veñen a completar a recente pavimentación que se fixo entre o lugar do Porto, en Caroi, e a Cavadosa, en Cerdedo, e que tamén tiveron un investimento duns 48.000 euros.
Relacionadas:
-
Rematan as obras de ensanche do camiño de Covas Alto
Por Redacción |
-
Pavimentan tres camiños municipais na parroquia de Loureiro
Por Redacción |
-
O Concello destinará 34.000 euros a mellorar o "moi deteriorado" camiño da Rascadeira
Por Redacción |
-
Zafarrancho de roza e limpeza en Serrapio, Pedre e Loureiro
Por Redacción |