Aprobados os orzamentos da Lama para 2022 cun incremento en gasto social

Por Redacción

© Concello da Lama

© Concello da Lama

© Concello da Lama
A Corporación Municipal da Lama aprobaba, cos votos a favor dos concelleiros do PPdeG e a abstención de C´s, os orzamentos municipais para o ano 2022.
Desde o Concello infórmase de que o orzamento para o próximo ano será de 1.643.200 euros, uns 44.500 euros máis que o do exercicio anterior, e no que destaca o incremento duns 14.000 euros no capítulo de servizos sociais.
Neste sentido, o alcalde Jorge Canda manifesta que a planificación orzamentaria oriéntase, este ano máis ca nunca, a actuacións en materia de protección e promoción social, cunha partida de 372.491,12 euros, un 3,71% máis ca no exercicio precedente.
O gasto social destinarase a dar atención ás persoas demandantes do Servizo de Atención no Fogar (SAF), ao Centro de Información á Muller (CIM) e ao programa Xantar na Casa. "Porque queremos atender como é debido a todos aqueles veciños e veciñas que precisan da nosa axuda, sobre todo a aquelas persoas que viven soas nos seus domicilios e que precisan dunha asistencia pública para mellorar a súa calidade de vida", sinalaba o rexedor.
Por outra banda, desde o Concello da Lama tamén se destaca a partida de 24.000 euros destinada á achega comprometida polo Consistorio coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea, así como o gasto do convenio que previsiblemente se asinará para o desenvolvemento do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES).
Tamén se aprobou conceder un total de sete axudas de 500 euros á natalidade e á promoción do empadroamento no municipio, que contou co apoio unánime de toda a Corporación. Ademais, aprobouse o Plan de Acción para o Clima dentro do Pacto de Alcaldías para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), que pretende reducir un 40% da emisión de gases contaminantes no concello ata o 2030.
No capítulo de rogos e preguntas, o concelleiro de Ciudadanos, Andrés Cal, preguntou polo decorado do Nadal. O edil de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, avanzoulle que seguiría a liña doutros anos, con especial atención á contorna da Alameda e da Praza da Pedreira.
Tamén anunciou o tenente de alcalde David Carrera que este ano volverá a facerse unha campaña de recollida de alimentos non perecedoiros, que nesta ocasión ampliarase aos perecedeiros.
Finalmente, o edil de Ciudadanos interesouse polas antigas casas dos mestres e sobre o seu uso social. O alcalde respondeulle que unha vez rematadas as obras que garantan a súa habitabilidade abrirase un proceso de estudo co fin de que poidan ser utilizadas por familias e persoas que precisen dun acceso a unha vivenda digna, para que a que pagarán un alugueiro social conforme aos seu nivel de ingresos
Relacionadas:
-
A Lama ratifica as axudas por natalidade para as familias empadroadas no municipio
Por Redacción |
-
Avanza a rehabilitación das antigas vivendas dos mestres da Lama, con dúas xa rematadas
Por Redacción |
-
Aprobadas as contas do 2020 na Lama cun remanente de tesourería de medio millón de euros
Por Redacción |
-
Un de cada cinco euros do orzamento municipal da Lama estará destinado á protección e promoción social
Por Redacción |