A iluminación do Pazo Provincial dará inicio este martes ao Nadal na Deputación
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra anuncia a programación que vai desenvolver ao redor do Nadal e que complementará ao tradicional acendido das súas sedes en Pontevedra e Vigo, previsto para o martes 30 de novembro. En concreto, ás 19.30 horas iluminarase o Pazo Provincial da cidade do Lérez e procederase a inaugurar a decoración interior do edificio, protagonizada por unha "fonte de desexos", acompañada dunha chocolatada.
O Castelo de Soutomaior e a estrea do seu mercado este xoves 2 de decembro serán os grandes protagonistas destas festas. A Deputación convida a toda a cidadanía a achegarse a este mercado de Nadal, que estará aberto unha semana, para poder adquirir produtos da provincia, sostibles e de proximidade, colaborando así coas persoas e empresas produtoras das diferentes comarcas. O horario dos postos será: os días 2 e 3 de decembro entre as 16 e as 20 horas, e os días 4, 5, 7 e 8 de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas.
Nos postos haberá representación da Cooperativa Camiño Circular que achegará queixos, ovos, mel, licores, marmeladas, melindres, bicas e artesanía; produtos do mar como afumados e conservas; produtos a carón do Miño como chocolates, conservas de lamprea, mirabeles ou grelos; produtos relacionados coa camelia a través de artesanía, cosméticos, marmeladas e venda de árbores; e quilómetro cero a través dos viños de Soutomaior, do viño Pedro Madruga e de espumosos. Amais, contará cunha zona de degustación na que se poderán probar os produtos
Amais do mercadiño, o Castelo "encherase de maxia" con diversas actividades. Baixo o título "A maxia do Nadal está no Castelo", a iluminación de todo o recinto terá lugar o próximo xoves ás 18.30 horas, aínda que xa media hora antes, ás 18.00 horas, todo o público poderá achegarse para participar nunha visita ambientada na que as persoas participantes serán recibidas por "zancudos" e desfrutarán de sorpresas nos xardíns.
A programación tamén inclúe visitas teatralizadas ao recinto histórico baixo o título "A luz do Nadal" a cargo da compañía Troula. Estas visitas, protagonizadas por unha raíña de corazóns e dous bufóns da súa corte, ofertan un total de 225 prazas distribuídas entre os días 7 e 8 de decembro (ás 11 e 17 horas), 10, 23 e 30 de decembro (ás 17 horas) e 19 e 26 de decembro (ás 12 horas).
Haberá tamén sesións de contacontos e obradoiros baseados na obra "Un conto de Nadal" de Charles Dickens en oito sesións os días 4, 5,11, 12, 18, 19, 26 de decembro e 2 de xaneiro ás 17 horas, con 30 prazas cada unha delas, dirixidas a crianzas de entre 4 e 9 anos. O día 4 terá lugar un contacontos no que Pedro Madruga, coa axuda dos rapaces, salvará o Nadal; o 5 un obradoiro de arquitectura no que a cativada construirá e decorará un poboado de Nadal; o 11 terá lugar un contacontos sobre as tradicións do Nadal no mundo e un obradoiro con tintas para crear felicitacións, que tamén se repetirá o día 12. Pola súa banda o día 18 haberá contacontos e un obradoiro para crear farois ecolóxicos con desexos; o 19 un experimento científico para fabricar neve e descubrir o que se atopa no interior dun iceberg; o 26 contacontos para descubrir os recunchos do castelo e un obradoiro para decorar a árbore de Nadal con materiais recollidos no percorrido; e xa o 2 de xaneiro realizarase unha ruta de sendeirismo polos xardíns do Castelo, onde nenas e nenos coñecerán os animais e plantas que habitan neles e rematarán decorando casiñas para paxaros.
Para as visitas teatralizadas e os obradoiros hai que reservar praza en castelodesoutomaior@depo.es
Ademais, este Nadal tamén abrirá por vez primeira as súas portas o Muíño das Afreitas, que estará en funcionamento despois da recente restauración da maquinaria. E no Patio de Armas, ao igual que o pasado ano, haberá unha "caixa de correo de soños" aberta a que calquera persoa poida deixar os seus soños e desexos.