O Nadal chega este venres a Ponte Caldelas co acendido da iluminación
Por Redacción
As principais rúas e prazas de Ponte Caldelas estrearán este venres 3 de decembro o seu alumeado de Nadal. O acto de acendido será ás sete da tarde.
Con respecto ao ano pasado, reforzáronse os elementos que decoran a vila, que son máis en cantidade e variedade que os do último Nadal, destacan desde o Concello.
A principal novidade deste ano é que, ademais de toda a decoración no centro da vila e nas rotondas de Cuñas e Pazos, o concello dará a benvida a todos os visitantes coa iluminación situada nas rotondas de A Reigosa, Forzáns e Caritel.
Buscan así sinalar a chegada a Ponte Caldelas ás persoas que circulan polas estradas de Pontevedra, Fornelos de Montes e A Lama.
Na Praza de España concéntranse un ano máis os elementos decorativos, con varios puntos de photocall e árbores de luces, mentres que na Alameda estarán as bolas colgantes que tanto gustaron os anos anteriores.
Pola súa banda, na Praza do Bispo e Rúa da Ponte decoráronse as camelias, colocarase a árbore xunto á fonte e tamén se iluminan as xardiñeiras recentemente instaladas tras o empedrado da beirarrúa.
Tamén haberá decoración no balcón da Casa do Concello, da Casa da Cultura, na ponte de madeira e en todas as rúas da vila, como é tradicional.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, destaca que con este alumeado de Nadal "queremos que pequenos e maiores manteñamos a ilusión, a fantasía e os soños tan típicos nesta época do ano".