Representantes do goberno de Israel interésanse pola fórmula de compostaxe do Revitaliza
Por Redacción
Unha expedición do goberno de Israel percorre este martes diferentes puntos da comarca para coñecer o modelo de compostaxe que desenvolve a Deputación de Pontevedra a través do Plan Revitaliza.
Trátase de vinte persoas, que chegan da man da Xunta de Galicia dentro dun proxecto europeo de colaboración entre institucións. A delegación quere coñecer o sistema de xestión de residuos a través da compostaxe local con tratamento dos restos orgánicos co uso de composteiros individuais, comunitarios ou en pequenas plantas de tratamento que se atopan en zonas de acceso veciñal.
Este equipo técnico israelí tamén mostra interese pola implantación do pago por xeración, unha proposta que a Deputación quere poñer en marcha nos municipios que forman parte do Plan Revitaliza, unha fórmula de xustiza económica para incentivar a correcta separación de residuos.
Carlos Pérez Losada, asesor da Deputación no sistema de compostaxe, asistiu con outros representantes da Xunta e de Sogama a esta reunión co grupo de persoal técnico do Ministerio de Protección Ambiental de Israel.
A comitiva na súa visita tiña previsto acudir ata os composteiros comunitarios da cidade de Pontevedra, ademais dos instalados en Príncipe Felipe e no CIFP Carlos Oroza e, a continuación, polo do centro de maiores de Vilaboa, para comprobar o seu funcionamento.
Este encontro que promove a Xunta co goberno de Israel e a Deputación forma parte dos proxectos Twinning da Unión Europea para fortalecer a colaboración institucional entre estados.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- A formación en compostaxe en Pontevedra chega con éxito á reserva da biosfera de Illa do Príncipe
Por Oskar Viéitez |
-
Técnicos de Lyon e Porto resaltan o sistema de compostaxe da Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación lanzará unha liña de axudas para potenciar experiencias de agrocompostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
Expertos nacionais analizarán en Pontevedra as vantaxes de retornar os biorresiduos municipais ao agro
Por Redacción |
-
O Revitaliza comeza o curso escolar coa participación de 700 alumnos en só dúas semanas
Por Redacción |
-
O Plan Revitaliza dará un "salto adiante" cunha nova fase centrada na parte normativa deste modelo de xestión de residuos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |