Un proxecto de inserción laboral reforestará 462 hectáreas en Cerdedo-Cotobade
Por Oskar Viéitez
A empresa Forestalis uniuse ao Plan de Emprego de Cruz Vermella en Pontevedra colaborando na inserción laboral das persoas en dificultade social. Quince veciños de Cerdedo-Cotobade reforestarán 462 hectáreas dos montes de Tenorio, Borela, A Chamadoira, Covas, Quireza, Rebordelo, Loureiro, Vilar e Casal.
Este martes presentouse esta nova alianza, nun encontro co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, os fundadores de Forestalis, Emilio Fernández e Francisco Cuiñas, e a presidenta provincial de Cruz Vermella en Pontevedra, María Teresa Álvarez Quicler.
Ata o momento, 15 persoas en situación de exclusión laboral beneficiáronse desta alianza que comezou en outubro e que se enmarca dentro do proxecto Reto Social Empresarial, cuxo obxectivo é promover a diversidade como un valor de enriquecemento social e económico á vez que se ofrecen novas oportunidades laborais.
O Plan de Emprego de Cruz Vermella conta co apoio das administracións públicas a través de dous programas operativos de emprego cofinanciados polo Ministerio de Traballo e Economía Social e o Fondo Social Europeo.
Forestalis é unha empresa galega, situada na provincia de Pontevedra, e dedicada á reforestación. A través da creación de masas forestais sostibles compensan a pegada de carbono das organizacións privadas.
O 80% dos traballadores forestais da empresa son participantes do plan de emprego de Cruz Vermella en Pontevedra. Forestalis espera que esta iniciativa sexa un exemplo para seguir por outras empresas, co fin de crear unha economía máis verde e consciente á vez que competitiva.
Relacionadas:
-
Pneumólogos que participan nun congreso médico visitan o proxecto pioneiro de reforestación levado a cabo en Borela
Por Oskar Viéitez |
-
Rematan as obras de ensanche do camiño de Covas Alto
Por Redacción |
-
O sector primario de Cerdedo-Cotobade quere crear unha marca propia de calidade
Por Oskar Viéitez |
-
Extinguido un incendio en Cerdedo-Cotobade que afectou a 54,13 hectáreas
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O polígono para o cultivo de mazá de sidra de Tomonde ocupará unhas 68 hectáreas
Por Redacción |