Maica Larriba: "A violencia vicaria é a peor expresión da violencia machista sobre a muller"
Por Redacción
Para a subdelegada do Goberno, a violencia vicaria, aquela que exerce o maltratador sobre a muller a través dos seus fillos, "é a peor expresión da violencia machista". Así o destacou na súa participación no laboratorio de radio do Centro Penitenciario de A Lama.
Maica Larriba achegouse ata o cárcere para manter un encontro coas reclusas participantes nesta iniciativa sobre a violencia de xénero, na que elaboran un programa de radio para reflexionar sobre a violencia machista e os estereotipos e roles de xénero.
A pretensión deste obradoiro, segundo Larriba, "vai alén da radio, xa que por riba de todo, persegue visibilizar a estas mulleres, tantas veces esquecidas, darlles voz e sobre todo, ofrecerlles ferramentas para previr, detectar e loitar contra a violencia de xénero"-
Durante a súa visita, a subdelegada participou na gravación do programa de radio elaborado no marco do obradoiro, no que se inclúen relatos das propias internas sobre as súas experiencias e someteuse a unha entrevista feita polas propias participantes na actividade.
En relación ás actuacións das forzas e corpos de seguridade, Maica Larriba defendeu o labor de vixilancia e control que fan sobre as vítimas, aínda que recoñeceu que é posible que o agresor aproveite calquera momento, pasado memso anos, para atacar a súa vítima.
A subdelegada insistiu sobre a necesidade de que o entorno das posibles vítimas poidan denunciar se elas mesmas non se atreven, xa que das 37 mulleres asasinadas este ano, só oito tiñan interpostas denuncias previas.
Neste sentido, e ao fío doutra pregunta, a subdelegada lembrou que na actualidade aínda hai moitas mulleres que son incapaces de denunciar a súa propia situación "e é nestas ocasións cando as persoas da súa contorna debemos dar o paso e acompañala e apoiala".
Así mesmo, Larriba repasou as diferentes medidas que o Goberno ten en marcha para loitar contra a violencia de xénero, destacando os 100 millóns transferidos ás comunidades autónomas no marco do Pacto de Estado, así como os diferentes avances legais aprobados polo Executivo nos últimos meses para avanzar nesta materia.
Durante o encontro, Larriba abordou tamén con elas os resultados da última enquisa elaborada pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero e que evidencia que unha de cada dúas mulleres sufriu violencia ao longo das súas vidas polo mero feito de ser mulleres.
Relacionadas:
-
Tres detidos por violencia machista, un deles por encerrar á súa parella para que non saíra soa á rúa
Por Redacción |
-
As futuras enfermeiras aprenden claves para detectar casos de violencia machista
Por Redacción |
-
25N | Un berro contra o maltrato infantil, que está detrás do 54% das depresións e o 87% dos intentos de suicidio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra desafía aos que lexitiman "argumentos negacionistas" contra as violencias machistas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |