Chute de vida para o local social de Pardavila
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, visitaron este martes o Local Social de Pardavila, un espazo veciñal rexentado pola AA VV de Pardavila no que se acaban de investir 12.000 euros.
Despois da visita, o Concello explicou a través dun comunicado que o local está "cheo de vida e de actividades", que pouco a pouco mellora as súas instalacións e que "supón o exemplo perfecto da colaboración entre a veciñanza e a administración para poñer en valor estes espazos de dinamización".
Na visita estiveron acompañados pola presidenta da Asociación de Veciños de Pardavila, Elisa Dopazo, e outros representantes do colectivo, para coñecer in situ as obras de mellora que se levaron a cabo grazas a unha subvención de Vicepresidencia da Xunta de Galicia.
A asociación veciñal investiu cerca de 12.000 euros na renovación de seis ventás e catro portas do local, mellorando a regulación térmica do espazo e incidindo así no aforro enerxético, xa que co novo material mellorouse o sellado e o illamento do exterior e se permite tamén unha mellor separación das estancias.
A presidenta do colectivo trasladoulle á rexedora as actividades que se realizan no local, desde clases de ioga a obradoiros de cociña, pasando por campamentos para a rapazada durante o verán ou clases de zumba.
María Ramallo destacou que manter vivas estas instalacións e usalas para dinamización, ofrecendo actividades para os veciños e veciñas, "é un mérito das asociacións", ás que desde o Concello e desde a Xunta teñen que apoiar para que poidan renovar os seus espazos, comprar mobiliario e seguir realizando a súa actividade.