Decembro estréase con choivas
Por Redacción
A previsión de MeteoGalicia sinala a curto prazo unha alternancia de ceos moi anubrados con momentos con nubes e claros. Haberá precipitacións este mércores e o venres. En canto ás temperaturas, serán normais para este período, con mínimas que descenderán lixeiramente e máximas que se manterán sen cambios.
Unha fronte atravesará o mércores Galicia, deixando ceos con abundantes nubes, con precipitacións que pola mañá serán máis persistentes, quedando en forma de chuvascos intermitentes pola tarde; a cota de neve irá descendendo durante a tarde, ata quedar nos 1.000 metros xa pola noite. Durante a noite a chuvia intensificarase no extremo norte, mesmo con posibilidade de treboadas. As temperaturas mínimas terán un lixeiro ascenso, mentres que as máximas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán do noroeste, moderados en xeral, aumentando a fortes no litoral norte pola noite.
Logo do paso dunha fronte durante a xornada anterior a chegada de aire frío e a inestabilidade marcarán o tempo do xoves. O ceo estará parcialmente nubrado, con chuvascos, máis frecuentes durante a mañá, tendendo a desaparecer pola tarde. A cota de neve estará sobre os 1.200 metros. As temperaturas descenderán entre lixeira e moderadamente. Os ventos soprarán de compoñente norte, moderados, con intervalos fortes ao principio no litoral e zonas altas do interior.
Durante o venres Galicia estará afectada por unha fronte cálida pouco activa, que deixará ceos nubrados, con algún orballo ocasional, máis probable canto máis ó norte. Xa pola noite pasará unha fronte fría que deixará chuvias xeneralizadas e de máis intensidade. As temperaturas mínimas non terán cambios significativos, mentres que as máximas experimentarán un lixeiro ascenso. Os ventos soprarán do suroeste, moderados na costa e máis frouxos no interior.