Maratón de talleres culinarios e creativos para público infantil no Mercado durante esta ponte
Por Redacción
Con motivo do ponte da constitución, a concellería de Promoción Económica puxo en marcha unha serie de actividades dentro do programa de lecer infantil O Ganapán que se desenvolverán durante varias xornadas no Mercado de Abastos.
Trátase de talleres destinados a menores con idades comprendidas entre os 4 e os 10 anos, que se prolongarán ata o mércores 8 de decembro, aproveitando as xornadas festivas, segundo informan desde a concellería que dirixe Yoya Blanco.
O sábado 4 de decembro iniciaranse cun taller de elaboración de crocantes profiterois, ao que tamén se suma outro de elaboración dunha nave espacial na que non faltará un marciano.
Durante o domingo 5 está prevista unha sesión para aprender a cociñar unha torta de crema con queixo do Cebreiro. No Espazo Crea realizarase un traballo onde a reutilización permitirá comprobar como as luvas de lavar a louza convértense en monstros para crear historias coma se fosen monicreques.
Durante o luns 6 de decembro, o festivo de celebración da Constitución, os escolares contarán con outro taller de cociña para preparar croissants de mazá e améndoas, ademais doutra actividade de creación de sapos comemoscas con material reciclado. Xa o martes 7, os participantes cociñarán unha pizza con pera e gorgonzola nun dos talleres, mentres que no outro se elaborarán bonecas caseiras utilizando pinzas.
O 8 de decembro, festividade da Concepción, van cociñar unha charlota con froitos vermellos, un doce típico de Francia; e tamén un atrapasoños para colgar na cabeceira das camas dos perqueños.
Os escolares interesados en participar deberán inscribirse previamente a través do correo oganapan@gmail.com, antes das 16.00 horas do día anterior á actividade á que queiran acudir. Haberá dúas sesións en cada xornada. Unha comezará ás 11.00 e a outra, ás 12.30 horas.