Un condutor con tres condenas previas por conducir sen carné acaba en prisión tras unha cuarta denuncia en Campañó
Por Natalia Puga
No seu caso, á cuarta foi a vencida. Un condutor pontevedrés acabou finalmente en prisión tras acumular catro condenas por levar o seu coche a pesar de non ter carné de conducir. As tres primeiras condenas permitíronlle eludir a privación de liberdade, pero tras unha cuarta, o xulgado ordenou o seu ingreso.
O home foi condenado por sentenzas firmes dos xulgados de Instrución 1, 2 e 3 de Pontevedra en agosto de 2018, marzo de 2019 e outubro de 2019, en todos os casos por un delito de condución sen permiso.
Nestas tres primeiras sentenzas, as condenas foron de 12 meses multa nas dúas primeiras e 16 meses de multa na terceira. Con todo, cando chegou a cuarta a multa converteuse en pena de prisión.
O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra condenoulle a catro meses e 15 días de prisión por un delito contra a seguridade viaria na súa modalidade de condución sen permiso ao ter en conta a circunstancia agravante da súa reincidencia.
O citado condutor mostrou a súa conformidade con esta condena e recoñeceu que o 23 de outubro de 2019 circulaba de madrugada ás 00.15 horas da noite, pola estrada de Campañó, nas inmediacións do poboado do Vao, un Peugeot 206 da súa propiedade a pesar de saber que non podía porque lle retiraban o permiso por perda total dos puntos en febreiro de 2018.
O condutor mostrouse conforme coa condena en si, pero levou o seu caso á Audiencia Provincial porque o xuíz inicial acordou que non lle suspendía a pena, isto, é debería cumprila e entrar en prisión.
Tras revisar a causa e o recurso, a sección cuarta da Audiencia Provincial decidiu confirmar a condena do Penal, de modo que finalmente deberá ingresar en prisión durante catro meses e medio.
Tanto o Xulgado do Penal como a Audiencia Provincial coinciden en que hai que ter en conta que este condutor foi condenado en tres ocasiones anteriores por feitos de igual natureza cometidos nos cinco anos precedentes.