Amigos de Galicia inserta no mercado laboral a 51 persoas na provincia durante novembro
Por Redacción
O persoal de orientación laboral da Fundación Amigos de Galicia realizou durante este ano un total de 2.816 atencións na provincia de Pontevedra, logrando a inserción de 499 persoas ao mercado laboral. Destas, 51 correspóndense con este mes de novembro no que se realizaron 378 atencións de orientación para entrar no mercado de traballo.
Segundo indican durante o mes de novembro rexistrouse unha consolidación do comercio electrónico e destaca o sector loxístico como un dos máis dinámicos na recuperación de actividade laboral. Dentro de Galicia, Pontevedra é a provincia que ofrece un volume máis elevado de contratos no apartado de loxística, cun incremento respecto a 2020. Este sector dá emprego a case 17.500 persoas, entre asalariadas e autónomas que viven desta actividade. Desde a oficina da organización situada no edificio azul de Benito Corbal da Xunta en Pontevedra afirman que se observa un importante repunte da actividade no sector da construción que, segundo os datos que manexan, cren que irá en aumento.
Ademais, confirman que o desemprego continúa en descenso en tres sectores: servizos, construción e industria. Durante este mes en toda Galicia, a Fundación realizou 853 atencións coa inserción dun total de 149 persoas.
Os datos son facilitados pola Axencia de Colocación desta Fundación que se encarga de atender a grupos en risco de exclusión social, e en especial de mulleres en situación de vulnerabilidade ou que sexan vítimas de violencia de xénero. Ademais de orientación laboral personalizada e formación específica, estas mulleres reciben apoio xurídico e psicolóxico tanto para elas como para os menores afectados, coa intención de que poidan alcanzar a normalidade nas súas vidas.
Para darse de alta como demandante de emprego en Fundación Amigos de Galicia é necesario encher un formulario web clicando nesta ligazón.