O 90 % dos homes axuizados por violencia de xénero resultan condenados
Por Redacción & Mónica Patxot
O 90 % dos homes axuizados por violencia de xénero resultan condenados. É tan só unha das cifras que se puxo sobre a mesa este mércores na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra con motivo da inauguración da xornada 'A violencia de xénero no ámbito xudicial' organizada pola Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra con motivo do 25N.
A xornada forma parte do ciclo de conferencias sobre violencias machistas organizado pola Subdelegación e citou na Comandancia da Garda Civil en Pontevedra a case medio centenar de profesionais da provincia dos ámbito xudicial, policial e social.
Os dous pratos fortes da xornada foron as charlas impartidas pola xuíza Belén Rubido, titular do Xulgado do Penal especializada en violencia de xénero e xuíza decana de Pontevedra; e da fiscala da Fiscalía de Vigo Paula Blasco.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, inaugurou a xornada e puxo sobre a mesa algúns datos relativos á violencia de xénero. Entre outros, fixo mención ás estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial segundo as que no segundo trimestre do ano as denuncias por violencia de xénero en España superaron as 40.000, o que supón un incremento do 20 % sobre os mesmos datos do ano anterior, que coincidiu co fin do estado de alarma e o confinamento derivado da covid-19.
Segundo esas mesmas estatísticas, máis do 60 % destas denuncias foron por lesións e malos tratos, un 10 % por quebrantamento das medidas de protección e un 8 % polo quebrantamento de penas.
As condenas no mesmo período deste ano foron a 5.320 homes fronte a 68 mulleres e o 1,1 % de ordes de protección e de medidas de seguridade que os xulgados decretan sobre mulleres vítimas de violencia de xénero diríxense a menores de idade.
A subdelegada considera que estas cifras demostran a verdadeira realidade das violencias machistas en España e "contrastan coas afirmacións daqueles que negan a violencia de xénero na nosa sociedade”.
Larriba lembrou o compromiso da Subdelegación do Goberno de Pontevedra de continuar apostando pola formación de profesionais ligados á protección e defensa da muller.
Relacionadas:
-
Críticas do PP ao silencio de Carmela Silva sobre a Lei do Si é Si
Por Redacción |
-
'Gritos', de Alba 'Fada', relato gañador do concurso escolar contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
A Policía Local e o CIM 'alíanse' para axudar o alumnado da ESO a identificar violencias machistas
Por Alejandro Espiño |
-
Detido un mozo de 19 anos por agredir aos seus pais, á súa irmá e á súa noiva
Por Oskar Viéitez |
-
Tres detidos por violencia machista, un deles por encerrar á súa parella para que non saíra soa á rúa
Por Redacción |