Un tren de Nadal percorrerá o casco histórico do 3 de decembro ao 3 de xaneiro

Por Redacción
Pontevedra terá un Tren do Nadal decorado para a ocasión que estará en servizo durante un mes, entre este venres 3 de decembro e o luns 3 de xaneiro.
Este ferrocarril terá a súa estación central de saídas na Praza de España e funcionará en horarios de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.
Para subirse a el unicamente haberá que amosar un ticket de compra no comercio local.
Ademais, o tren terá unha utilidade turística para que os visitantes coñezan o centro de Pontevedra.
Realizará o seguinte percorrido polo casco histórico: Praza de España, Riestra, Augusto González Besada, Praza de Galicia, Augusto García Sánchez, Pastor Díaz, Riestra, Gutiérrez Mellado, Fernández Villaverde, Soportais da Ferrería, Peregrina e Michelena.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, achegouse na mañá deste mércores ata o mercado de abastos para supervisar os traballos que as firmas Inbloom e Jukebox Productions están a realizar para decorar as instalacións da rúa Serra para o Nadal.
Blanco realizou a visita acompañada pola voceira das vendedoras e vendedores da Praza, Celia Abal, e coincidiu coa chegada á cidade do citado Tren do Nadal.
A concelleira tamén comprobou o "elegante e exuberante cambio de look" que o mercado comeza a exhibir para vestirse de gala durante o Nadal, cunha decoración que inclúe unha plataforma tapizada coa lenda da tradición do bico baixo o visgo.
Todo o decorado terá o seu colofón coa instalación dun polbo xigante cunha cabeza de 2,20 metros de diámetro e dous tentáculos exteriores de 3 e 4 metros cada un que sobresaen da fachada. Quedará instalado tamén para este venres, cando presentemos o incrible programa de actividades e talleres previsto para o Nadal 2021.
Relacionadas:
-
Pontexogos percorrerá a partir desta fin de semana as diferentes parroquias de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Raíña Vitoria volverá ser un dos epicentros do Nadal pontevedrés cunha pista de karts
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Pontevedra dá a benvida ao Nadal co acendido do alumeado e o poboado da Ferrería
Por Redacción |