50 vivendas serán rehabilitadas en Caldas grazas á sinatura do convenio para a terceira fase da ARI
Por Redacción
Coa firma na tarde deste mércores do convenio para desenvolver a terceira fase da área de Rexeneración e Renovación Urbana Integral (ARI) de Caldas poderán acometerse as obras de rehabilitación en edificos e vivendas do municipio, ademais de planificar a edificación e reurbanización de espazos públicos.
Raquel Sánchez, ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, asinaba en Santiago de Compostela con Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda este convenio que afecta a 22 concellos. Caldas figura como ente xestor e promotor do conxunto da actuación.
Para esta terceira fase programouse a rehabilitación de cincuenta vivendas, por un custo total de actuación de 706.245 euros. Entre esta cantidade inclúense 137.500 euros para acometer obras de reurbanización do centro urbano da vila.
Neste convenio, o Ministerio achega 297.000 euros; a Xunta, 76.745 euros e o Concello de Caldas, 82.500 euros, aos que se suman 250.000 euros procedentes de promotores particulares das rehabilitacións de vivendas.
A oficina do ARI ofrece asesoramento á cidadanía de Caldas en materia dde vivenda e sobre as posibles axudas para rehabilitar os domicilios ou mellorar a eficiencia enerxética. As consultas pódense realizar a través do correo ari@caldasdereis ou solicitando unha cita previa no teléfono de avisos do Concello co número 647 574 316.
Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas, considera moi positivo o funcionamento da oficina da ARI, que dirixe María Pierres, e a firma deste convenio que permite incrementar a cantidade económica para os proxectos previstos