O veciño de Ponteareas que abusou dos seus sobriños non se librará dos seus dez anos de cárcere
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou a condena de dez anos de prisión imposta a un veciño do municipio pontevedrés de Ponteareas que abusou sexualmente dos seus dous sobriños, ambos os dous menores de idade, entre 2010 e 2015.
A sentenza do alto tribunal galego, que confirma o fallo de primeira instancia emitido pola Audiencia de Pontevedra, ratifica o seu ditame de culpabilidade por dous delitos de abuso sexual, polos que terá que estar nove anos máis en liberdade vixiada tras saír de prisión.
Ademais, non poderá comunicarse cos seus sobriños nin achegarse a menos de 500 metros durante nove anos máis que a pena de cárcere imposto e non poderá desempeñar calquera profesión ou oficio que conleve contacto con menores durante cinco anos.
O acusado deberá indemnizar a unha das vítimas con 25.000 euros. O outro sobriño renunciou expresamente a calquera indemnización.
O TSXG desestimou, por tanto, o recurso presentado polo acusado, pois considera que non aprecia "ningún motivo" que xustifique a modificación do fallo da Audiencia.
Ademais de avalar o testemuño das vítimas, asegura que hai probas "abundantes" contra el e, no caso dun dos sobriños, ata testemuñas presenciais dos abusos.
Os maxistrados consideran probado que o acusado, tío carnal dos menores, abusou de maneira continuada de ambos, primeiro co maior, entre os 11 e os 13 anos, e posteriormente coa pequena, cando esta tiña entre 8 e 13 anos.
En ambos os casos, o seu tío someteulles a unha serie de tocamentos nas súas partes íntimas e ao mozo chegou a masturbalo en varias ocasións.