Os que merquen no comercio de Bueu durante o Nadal terán descontos do 30%
Por Redacción
Todas as compras que se realicen nos comercios de Bueu, entre os días 3 e 30 de decembro, terán un 30% de desconto. Son os beneficios da campaña Bueu Consume Local, unha iniciativa que impulsa o Concello e a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo.
O goberno municipal achegará 50.000 euros a esta campaña para cubrir o 30% das bonificacións dos importes das compras realizadas nos comercios adheridos.
Serán os comerciantes os encargados de organizar e xestionar toda a campaña, tanto para os locais socios como para os non socios.
As persoas interesadas en participar deberán entrar no web https://bueuconsumelocal.gal/ e rexistrarse, un proceso despois do cal recibirán as claves de acceso para obter unha tarxeta dixital ligada ao seu DNI.
Segundo se establece nas bases da campaña, cada cliente poderá acudir ao establecemento comercial adherido para realizar as súas compras, podendo descontar, do importe da compra, o 30% do importe da compra correspondente ata o límite de 75 euros.
Esta campaña forma parte das accións implementadas pola concellaría de promoción económica para axudar aos comercios da vila.