Nais e pais de Cuntis entregan máis de 1.600 sinaturas para reclamar a volta do pediatra
Por Redacción
Un total de 1.616 sinaturas veñen de entregar nais e pais de Cuntis para esixir ao Servizo Galego de Saúde que repoña a praza de pediatra no centro de saúde do municipio, de xeito que os nenos e nenas da vila conten cun servizo médico digno e axeitado.
Coas sinaturas entregadas no rexistro da Xunta de Galicia, as familias de Cuntis reclaman que o pediatra volva a pasar consulta en Cuntis "de inmediato", tal e como viña sendo habitual despois de cada verán tras as vacacións do facultativo.
Os asinantes manifestan así a súa preocupación ante a posibilidade de que o concello remate por quedar definitivamente sen pediatra porque non lles tranquiliza a "falta de concreción" das autoridades sanitarias para cumprir cos seus compromisos.
"Tememos que algún día a supresión da praza será definitiva e xa non haberá volta atrás", alertan os pais e nais de Cuntis, que consideran que as consultas e as urxencias pediátricas "deberan requirir unha maior sensibilidade por parte das autoridades, xa que se trata da saúde dos nosos fillos e fillas, moitas veces en idades moi temperás".
Cuntis conta con preto de 500 nenos e nenas de atención pediátrica "e non cremos xusto que teñamos que desprazarnos ata Caldas para recibir un servizo público digno", engaden.
As familias enmarcan esta situación nas "múltiples carencias" da atención sanitaria en Cuntis con ausencias "reiteradas" de facultativos, listas de agarda "demasiado longas" ou numerosas carencias estruturais no edificio.
A falta de pediatras que argumenta a Xunta de Galicia, segundo estes pais, "débese ás políticas de precariedade laboral coas que se vén tratando aos profesionais sanitarios, aos que non ofrece estabilidade laboral e as consecuencias pagámolas todos, con especial énfase no rural".
"Negámonos a aceptar que a saúde dos nosos fillos e fillas dependa de ata onde teñamos que desprazarnos para recibir atención sanitaria", conclúen os afectados.
Relacionadas:
-
Alertan da "precariedade" da atención no centro de saúde de Cuntis, que o venres quedou sen médico
Por Redacción |
-
Cuntis e Moraña unirán forzas ante a "deficiente" atención sanitaria na comarca
Por Redacción |
-
Outro venres de protestas diante do centro de saúde de Cuntis
Por Redacción |
-
Concentración de protesta da veciñanza de Cuntis diante do Centro de Saúde
Por Redacción |
-
A Xunta de Voceiros secunda unha protesta pola situación da sanidade en Cuntis
Por Redacción |
-
Convocan unha concentración ante as "deficiencias" na atención sanitaria en Cuntis
Por Redacción |