Comezan con alta participación cidadá os obradoiros de memoria para persoas maiores
Por Redacción
O Concello de Bueu recupera os obradoiros de memoria para maiores, despois da suspensión durante o ano de maior incidencia da covid-19.
As clases iniciáronse cun total de setenta e sete participantes, que se dividen en cinco grupos. Os talleres desenvólvense no Centro Social do Mar, na Casa do Pobo de Beluso e, durante as próximas xornadas, incorporarase tamén o Centro de Interpretación de Agrelo. Segundo o goberno local, con estes tres espazos ofrécense estas actividades nas tres parroquias da vila.
Ana Isabel Otero, concelleira de Benestar Social e Igualdade, acudía este xoves a unha destas sesións para comprobar o funcionamento das clases de estimulación da memoria e de envellecemento activo. As persoas participantes seguirán as propostas de Estimulación Cognitiva para fortalecer as funcións intelectuais que ven afectadas en idades avanzadas. Ao longo das próximas xornadas realizaranse tarefas de xestos e mímica, propostas con música, exercicios sensoriais, de debuxo, de relaxación e de respiración.
Os talleres impártense por parte do Centro de Día Pescadoira e do Centro de Día Contigo, de Bueu, dentro do plan de fomento de políticas sociais activas do goberno local. As persoas que aínda se atopen interesadas en participar poden presentar solicitudes de inscrición en Benestar Social, para establecer un grupo de reserva.