Fiscalía mantén unha acusación por violación fronte ao silencio da suposta vítima e os seus fillos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Juan L.L. foi xulgado este martes ante a Audiencia de Pontevedra como suposto autor dunha agresión sexual á súa esposa, negou a acusación e asegurou que si que mantivo unha relación sexual con ela, pero foi consentida. A súa muller e suposta vítima é a única testemuña directa que podería confirmar a denuncia que presentou en 2012 e rexeitou declarar. O resto de testemuñas que poderían acreditar os feitos, dous dos seus fillos, tamén se negaron a falar ante o tribunal. Malia o xeito no que se desenvolveu o xuizo, o fiscal mantén que existen probas abondo para condenalo e pide que se lle impoñan sete anos de prisión.
Os feitos polos que está acusado Juan L.L. aconteceron supostamente na madrugada do 22 de xullo de 2012 no domicilio no que convivía coa súa muller e un dos seus fillos na parroquia de Santiago de Oliveira en Ponteareas. Unha semana despois, a súa esposa denunciou que el chegou bébedo á casa, golpeou varias veces a porta do seu cuarto (durmían separados e ela tiña a porta pechada) e, cando ela abriu, obrigouna a manter relacións sexuais mentres a insultaba e ameazaba.
Un ano e tres meses despois, a muller, de 66 anos, non quixo confirmar nin desmentir esa denuncia ante o tribunal da Sección Cuarta de la Audiencia que xulgaba o seu marido, aténdose ao seu dereito a non prestar declaración que puidera prexudicar un familiar directo. Dous dos seus fillos ativéronse a ese mesmo dereito, pero si declararon os peritos e forenses.
O fiscal do caso, Juan Carlos Aladro, considera que esta actitude da familia de negarse a declarar é algo ao que "ya estamos acostumbrados porque nos pasó en innumerables hechos del ámbito de la violencia de género y doméstica", nos que en ámbito íntimo do acusado non quere airear as súas discrepancias no xulgado.
O fiscal recoñece que "el contenido probatorio ha caido en cierta manera", pero ve probas suficientes para pedir a súa condena
Recoñece que a ausencia desas declaracións implica que "el contenido probatorio ha caido en cierta manera", pois "todas las personas que pudieron tener relación directa de golpe y porrazo han desaparecido", pero cre que as probas documentais e periciais que hai no sumario son suficientes para manter a acusación contra Juan L.L..
Ao respecto, dá relevancia ás declaracións dos peritos que declararon en persoa e por videoconferencia durante o xuízo. Os profesionais sosteñen que os hematomas e a dor que presentaba a suposta vítima unha semana despois dos feitos "son compatibles" con ser violada polo seu esposo.
Pola súa banda, o avogado defensor do procesado considera que o tribunal debe absolver o seu cliente porque "no existe prueba de cargo que desvirtúe la presunción de inocencia". Cre que os informes periciais non son contundentes, pois non se acredita ningunha lesión xenital da suposta vítima e os hematomas que tiña varios días despois da presunta agresión sexual poderían ter outras causas e non unha violación.
Ademais, dá credibilidade á acusación do seu cliente, que asegurou ante o tribunal que"no hubo fuerza ninguna", senón que el chegou ao cuarto da súa muller, chamou á porta e ela "se levantó, abrió y fue una relación normal", que non a tombou na cama nin a golpeou nin ameazou.