A buscar bicicletas vellas en garaxes e rochos: volven as 'recicletas' polo Nadal
Por Alejandro Espiño
Volven as 'recicletas'. Primeiro foi reparando as antigas bicicletas do Pilla Bici para que foran usadas polos estudantes Erasmus do campus de Pontevedra. Agora o obxectivo, segundo a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, é recoller bicicletas infantís "das que ninguén da conta", reparalas e darlles un novo uso. Será no marco dun obradoiro que terá lugar, desde o 4 de novembro, na Escola Taller de Monte Porreiro.
Está orientado á época do Nadal, de forma que estas bicicletas recuperadas sirvan como agasallo para os máis pequenos. "Será un programa que sempre terá un sesgo social, de forma que algún grupo de persoas do ámbito dos servizos sociais ou cun desemprego clamoroso que se fará cargo da man de obra, a atención ou a recollida de bicicletas", sinalou Fouces. Para participar nesta iniciativa, o Concello de Pontevedra propón catro opcións:
- Entregar unha bicicleta para que a reparen os participantes neste obradoiro e recuperala posteriormente. Neste caso, o dono da bicicleta deberá realizar un pequeno pago que cubrirá o gasto de material.
- Dar a bicicleta e non recollela.
- Pedir unha das bicicletas arranxadas, que será repartidas en base aos criterios que marquen os servizos sociais municipais.
- Acudir a comprar unha bicicleta ou pedir que a fagan de forma personalizada.
As bicicletas poderanse entregar na propia Escola Taller de Monte Porreiro ou ben no establecemento Bicicletas Farto, situado na Avenida de Vigo. Serán tres días á semana. "Invitamos a que os pontevedreses entren nos seus trasteiros e nos seus garaxes e as depositen canto antes porque arreglalas leva un tempo", indicou Fouces, anticipándose así ao "aluvión" de bicicletas que pode haber ao irse aproximando o Nadal.
"Vai a ser un taller eminentemente práctico no que vamos a ensinar os arranxos máis habituais que se realizan ás bicicletas", sinalou o coordinador do obradoiro, Eusebio Rivero. "O que máis nos interesa é a reutilización desas bicicletas que quedaron abandonadas porque os nenos creceron ou porque mercamos outra mellor", explicou. Con el búscase que "o tema económico non sexa impedimento para ter unha bicicleta".
Con esta iniciativa preténdese ademais, sinalou Carmen Fouces, "que as bicicletas poidan chegar a familias que teñen máis dificultades" ou outras que estimen que non poden facer un "gasto innecesario" nunha bicicleta "tendo a dun parente ou podendo coller unha reutilizable".