Nadal, luces, compras, aglomeracións... e máis policías nas rúas
Por Redacción
O aumento da actividade comercial derivada das habituais compras de Nadal e o incremento da afluencia de persoas nas rúas polo aceso da iluminación de Nadal xeran situacións de aglomeracións que, como cada ano, pode supoñer un bo caldo de cultivo para que crezan os delitos. Para evitalo, a Policía Nacional anuncia que vai poñer en marcha dispositivos específicos en áreas comerciais e de lecer.
Estes dispositivos xa se poden notar nas rúas, pois a Policía Nacional incrementou o número de efectivos policiais en zonas comerciais como, no caso de Pontevedra, Benito Corbal.
O operativo forma parte do Plan Comercio Seguro e manterase durante toda a campaña do Nadal, segundo anunciou a Policía Nacional.
Este Plan está deseñado para dar protección ao sector do comercio e aos seus clientes durante todo o ano e en determinadas datas, como a época do Nadal, refórzase para minimizar a proliferación dalgúns dos delitos máis habituais nestas datas contra os comerciantes e os cidadáns que frecuentan as zonas comerciais, os roubos e furtos.
O incremento de axentes supoñerá unha maior presenza na rúa de policías uniformados.
Ademais, os policías distribuirán trípticos elaborados pola Policía Nacional con consellos de seguridade destinados a asociacións e comerciantes.
Estas publicacións recollen os consellos máis importantes a ter en conta en todas as fases do comercio. Así, por exemplo, recoméndase priorizar o uso de medios de pago electrónicos ou dispoñer de detectores de billetes falsos.
Os consellos policiais tamén pasan por prestar atención ás persoas que teñan actitude vixiante e recomendar ao comerciante que se observa a porta do seu local forzada ou aberta, non entre e chame ao 091.