O PSOE de Marín ve un "disparate" o proxecto do novo parque eólico "en pleno corazón das Rías Baixas"
Por Redacción
O PSOE de Marín súmase á lista de organizacións que mostran o seu rexeitamento ao parque eólico que se proxecta na zona. Tras reunirse coas comunidades de montes de Ardán e Santomé, visitar a zona, pedir información ao Concello e asistir a xornadas da plataforma 'Eólicos no Morrazo Non', afirma que é un "disparate".
"Con todos os deberes feitos, estamos seguros que a construción dun parque eólico en Marín xerará un gran impacto ambiental e paisaxístico e que é un disparate facelo en pleno corazón das Rías Baixas", asegura o portavoz socialista, Manuel Pazos.
Os socialistas sinalan que están a favor das enerxías renovables, "pero non en calquera lugar e de calquera xeito".
Desde que se anunciaron os primeiros movementos para a construción dun parque eólico en Marín, que se instalaría nas parroquias de Santomé e Ardán, o PSOE buscou información para mostrar o seu posicionamento "dunha maneira clara, fundada e razoada".
Agora que xa coñecen detalles como o tamaño e potencia dos aeroxeradores, onde van estar situados, a renda que percibirían as comunidades de montes e as diferentes opinións que existen entre os comuneiros, mostran o seu rexeitamento.
En concreto, sinalan que "ocórrensenos poucas localizacións en toda Galicia peores que esta que se propón no Morrazo".
Ademais, indican que a "única vantaxe que podería deixar en Marín", que sería o canon económico que percibirían as comunidades de montes, parécelles "francamente escaso".