Trasladan a Montecelo unha veciña de Marín intoxicada nun incendio na súa vivenda
Por Redacción
Unha veciña de Marín tivo que ser trasladada ao Hospital Montecelo ao mediodía deste sábado para ser atendida por inhalación de fume despois de que se producira un incendio na súa vivenda.
Todo sucedeu, segundo a información facilitada polo 112 Galicia, sobre as 14.10 horas deste sábado nunha vivenda da rúa Ezequiel Massoni.
A Policía Local solicitou ao 112 Galicia a saída dos Bombeiros para un incendio que se producira nunha vivenda. Xa nesa momento indicaban que o lume xa fora apagado pero que había moito fume no inmoble e xente afectada, polo que, tamén solicitaban asistencia sanitaria.
O 112 Galicia deu alerta ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Morrazo e de Pontevedra e aos efectivos de Protección Civil da localidade.
Nada máis chegar ao lugar, os Bombeiros comunicaron que ardera a cociña e que a propietaria da vivenda estaba sendo atendida polo persoal sanitario debido á inhalación do fume que provocou o incendio.
Os profesionais sanitarios confirmaron o traslado da muller ao Hospital de Montecelo.