Detectan desfeitas nos montes de Cuntis polas sacas de madeira e anuncian maior vixilancia e man dura cos infractores
Por Redacción
O Concello de Cuntis pedirá esta semana a colaboración dos distintos Corpos e Forzas de Seguridade para poder corrixir os danos detectados en zonas forestais derivados das sacas de madeira.
Segundo informou o Concello este sábado, tiveron coñecemento do que estaba a suceder por avisos realizados por diferentes veciños, que alarmaron das desfeitas ocasionadas polas sacas de madeira
Unha vez recibidos os avisos, o Concello comezou esta semana a realizar unha serie de visitas a distintos camiños forestais e o alcalde, Manuel Campos, achegouse na mañá deste sábado a distintas aldeas afectadas polas sacas.
O rexedor avisou que a vindeira semana intensificarán as inspeccións para controlar as sacas de madeira, posto que as desfeitas nos viais están sendo de moita consideración e que pedirán a colaboración dos responsables de seguridade para poder corrixir estes danos e que non haxa impunidade para as desfeitas.
O rexedor tamén apuntou que serán moi estritos con estes profesionais, posto que moitas destas sacas non contan con autorización municipal e esta actividade está regulada nunha ordenanza.
No caso de que non se dean identificado os propios madeireiros, serán os propietarios das fincas os que responderán polos danos ocasionados.
Dende o Concello tamén queren agradecer a colaboración cidadá para poder frear estas desfeitas que supoñen un gran problema para todas e todos.