O goberno local acusa os populares de "confundir os cidadáns" coa taxa do lixo
Por Redacción
O voceiro municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, asegurou este martes que o Concello de Pontevedra "cobrou todos estes anos aos veciños o canon que escatimou a Sogama".
O xefe da oposición lembrou que o voceiro do goberno local, Raimundo González, dixo este luns en rolda de prensa que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que obriga a Pontevedra a asumir o canon único fixado por Sogama para os concellos adheridos e que implicará finalmente o abono de ata 4 millóns de euros, "non repercutirá no peto dos cidadáns". Segundo Moreira "o que non dixo o concelleiro nacionalista é que, en realidade, os veciños xa estiveron pagando esa cantidade ao longo de todos os anos en que se prolongou o irresponsable litixio xudicial mantido por Fernández Lores".
Os populares din que "nunha simple ollada" á taxa de lixo que abonan os residentes nas distintas cidades galegas, á marxe da Coruña, non adherida a Sogama, "sitúa a capital pontevedresa en primeira liña, é dicir, coa taxa máis cara na zona rural e entre as máis custosas no casco urbano".
En consecuencia, Jacobo Moreira, considera "absolutamente hipócrita" o anuncio feito polo goberno municipal, "pois se os pontevedreses tiveran agora que pagar o desaguisado, estarían a facelo por segunda vez". E engadiu que "se non fora así entendo que o recibo en Pontevedra polo menos estaría entre os baratos".
O concelleiro popular criticou tamén a política de enfrontamento que o alcalde mantén con outras administracións, "apelando habitualmente a unha pose insubmisa que moitas veces, como no caso do canon de Sogama, o único que esconde é un espírito completamente insolidario". Moreira lembrou que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "defendeu sempre con vehemencia a implantación dun sistema distinto ao que dirixe a empresa pública, aínda que en realidade nunca fixo nada por poñelo en marcha".
"O seu proxecto alternativo, en realidade, consistía en aproveitar Sogama pero pagando menos que os demais e cobrándolle ao mesmo tempo aos veciños a taxa máis cara; agora terá que detraer doutras partidas económicas os 4 millóns, porque por suposto en todos estes anos utilizou o que escatimou a Sogama para financiarse, sen prever o revés xudicial", concluíu o voceiro do Partido Popular.
RESPOSTA MUNICIPAL
Dende o goberno muncipal o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, saliu ao paso destas acusacións feitas polo PP para "lamentar o desafortunado comunicado de prensa do grupo municipal do Partido Popular sobre a taxa do lixo, no se que observa a súa clara defensa dos intereses dunha empresa fronte aos dos cidadáns de Pontevedra".
"Sen entrar a pormenorizar as contradiccións", Raimundo González observa "erros de bulto" como a taxa de lixo do rural que é o 50% da que se cobra no ámbito urbano (é dicir, 58,74 euros). "Este dato pódese comprobar lendo á ordenanza fiscal que regula a taxa, o que amosa que ou ben o portavoz do Partido Popular non sabe ler ou está terxiversando interesadamente a realidade para confundir os cidadáns, como adoita facer", remata.
Relacionadas:
-
Anova pide ao Concello que se rebele ante o novo canon de Sogama
Por Redacción |
-
O goberno de Pontevedra asegura que a débeda con Sogama non afectará os cidadáns
Por Redacción |
-
O PP critica a subida de taxas no Concello de Pontevedra, salvo a "necesaria" de Sogama
Por Redacción |
-
Sogama vence a Pontevedra nos tribunais e recibirá case 4 millóns de euros en atrasos
Por Alejandro Espiño |