Un condutor que triplicaba a taxa de alcol permitida, implicado nun accidente cun ferido ao frear sen motivo
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra detectou un condutor que circulaba bébedo despois de verse implicado nun accidente de tráfico rexistrado sobre as 16:30 horas deste sábado na rúa Xosé Malvar.
Segundo a información facilitada pola Policía Local de Pontevedra, o accidente consistiu na colisión por alcance entre dous vehículos e unha testemuña manifestou aos axentes que o condutor dun dos vehículos freara sen causa aparente.
Os axentes municipais someteron este condutor á proba de alcoholemia e deu un resultado de 0,75 miligramos por litro de aire expirado, isto é, tres veces superior ao límite de 0,25 establecido para poder conducir.
A taxa de alcol deste condutor superaba, ademais, o 0,60 que establece o artigo 379 do Código Penal como límite para que esta infracción se considere delito, de modo que a Policía Local puxo os feitos en coñecemento do Xulgado de Garda.
Conducir cunha taxa de alcol superior a 0,60 será castigado coa pena de prisión de tres a seis meses ou coa de multa de seis a doce meses ou coa pena de traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90. Ademais, o condutor que comete esta infracción perde o permiso para conducir vehículos de motor e ciclomotores por un tempo de entre 1 e 4 anos.
Como resultado deste accidente de tráfico, un dos condutores resultou ferido leve.