Dous ex policías condenados por asasinato piden revisar a súa condena tras derrogarse a doutrina Parot
Por Natalia Puga
Os ecos da sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) pola que se derroga a doutrina Parot chegaron a Pontevedra. A Sección Terceira da Audiencia Provincial terá que resolver dous recursos interpostos polos dous ex policías condenados polo crime de Nigrán pedindo a revisión da súa condena tras a última resolución do tribunal de Estrasburgo en relación co caso da etarra Inés del Río.
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron que os dous ex policías, Manuel Lorenzo Vázquez e Jesús Vela Martínez, presentaron senllos recursos ante a Audiencia Provincial. O primeiro chegou o venres 25 de outubro e non transcendeu cando se presentou o segundo, pero si que os avogados de ambos os dous os entregaron directamente ante a Sección Terceira e que dende o tribunal xa se remitiron á Fiscalía.
As mesmas fontes xudiciais confirmaron que a Fiscalía recibiu os dous recursos e este martes pediu que se lle remita o sumario íntegro do caso para estudalo e emitir un informe coa súa postura sobre a revisión das condenas. Unha vez que o fiscal emita o informe, a sala sentarase a deliberar, pero ata o momento resulta imposible determinar cando se realizará esa deliberación. Si se prevé que ambos os dous recursos se revisen na mesma reunión do tribunal.
Fiscalía pediu este martes que se lle remita o sumario íntegro do caso para emitir o seu informe
Fontes da Audiencia Provincial explicaron que o caso recaeu na Sección Terceira porque foi a que condenou aos dous ex policías e agora encárgase de revisar a execución da sentenza. A pesar de que xa non se encarga de asuntos penais e se especializou en civís, o seguimento dos casos previos segue correspondéndolle.
A Audiencia condenou a Manuel Lorenzo e Jesús Vela a 212 anos, cinco meses e un día de prisión cada un por seis delitos de detención ilegal, un de roubo con homicidio, tres de asasinato, dous homicidios en grao de tentativa e un de utilización ilexítima de vehículo alleo polos feitos acontecidos na vivenda do empresario Fernández Sanromán en Nigrán no ano 1994. Secuestraron o empresario, a súa muller, os seus tres fillos e unha empregada do fogar para pedir unha recompensa de 100 millóns de pesetas e, posteriormente asasináronlles nunha matanza da que se libraron dous dos seus fillos porque se agocharon.
A sentenza confirmouna posteriormente o Tribunal Supremo e máis tarde a ambos os dous se lle aplicou a doutrina Parot, de tal forma que non podían reducir penas. O fallo de Estrasburgo que beneficiou a Inés del Río Prada recolle que España aplicou con carácter retroactivo e ilegalmente esta doutrina e agora os avogados defensores dos ex policías agárranse a el para pedir que se lles revise a condena.
A doutrina Parot xa deixou unha escena moi pontevedresa hai xusto unha semana, o martes 22 de outubro, cando dous veciños da cidade se desprazaron ao cárcere coruñés de Teixeiro para manifestar a súa protesta pola liberación da beneficiaria da sentenza de Estrasburgo, Inés del Río.
Relacionadas:
-
A Audiencia deixa en liberdade os condenados do crime de Nigrán en base á derrogación da doutrina Parot
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra, contra a derrogación da doutrina Parot
Por Natalia Puga |
-
De Pontevedra a Teixeiro para protestar pola "claudicación del Estado" coa liberación de Inés del Río
Por Natalia Puga |