557.000 euros para crear unha senda na ría de Arousa e mellorar A Telleira
Por Redacción
Un dos proxectos que o Concello de Sanxenxo inclúe para acollerse aos fondos europeos Netx Generation é a restauración da paisaxe entre A Fianteira e Os Pasales. A proposta establece a creación dun plan de saneamento integral para eliminar verteduras descontroladas, crear unha senda que permita gozar da fauna e flora da ría e mellorar a calidade ambiental deste espazo.
A senda, segundo anuncia o goberno local, discorrerá por camiños acondicionados e con equipamentos para o uso turístico. Está prevista a creación de miradoiros e elementos que melloren a contorna. A senda comunicará A Fianteira e As Telleiras coa área recreativa de Os Pasales. A partida para esta obra dentro dos fondos elévase a 110.000 euros.
Dentro da zona da Ría de Arousa tamén se inclúe o acondicionamento do acceso e a mellora paisaxística da Telleira, a dotación ecoeficiente do Centro de Interpretación e a museografía deste espazo cunha partida que ascende a 457.000 euros. Esta cantidade dividirase en tres anualidades dos fondos Next Generation.
Proponse o acondicionamento dunha zona de aparcamento disuasorio e a eliminación de residuos da Telleira que afecten negativamente a contorna natural deste enclave con potencialidade turística.
Esta iniciativa, segundo o goberno de Telmo Martín, busca favorecer a desestacionalización da demanda turística con outras actividades como a relacionada coa observación de aves en espazos naturais.