A sociedade civil toma a palabra para defender dereitos fundamentais na homenaxe pontevedresa á Constitución
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Joshua Alonso Mateo, premio Resiliencia do Ministerio de Igualdade e promotor de actividades de concienciación sobre a violencia machista en honor á súa nai, Sesé Mateo, asasinada. Isabel Martínez, vocal da Asociación de Familiares e Amigos de Enfermos Psíquicos de Pontevedra Alba. Juan Manuel Romero, voluntario de Cruz Vermella Pontevedra. E Erasmo Benítez, refuxiado venezolano da Asociación Diversidade-Acolle.
Os catro, como representantes da sociedade civil, foron este luns os protagonistas dun acto sinxelo e, ao mesmo tempo, cargado de significado organizado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra para conmemorar o 43 aniversario da Constitución Española.
A Subdelegación adaptou este anos o acto conmemorativo ás esixencias da pandemia da covid-19 e a unha novidade fronte a edicións anteriores, nesta ocasión non se entregaron medallas nin recoñecementos. Para adaptarse a esta nova realidade, optaron por unha cita sinxela na que quixeron que fora a propia poboación a que rendera homenaxe á Carta Magna.
Cada un destes catro representantes leu un artigo da Constitución que representa dereitos fundamentais. Juan Manuel Romero, o artigo 10.1; Isabel Martínez, o artigo 49; Erasmo Benítez, o artigo 10.2 da Carta Magna. Joshua Alonso, o artigo 1.1 da Constitución.
A explicación sobre a elección destes artigos deuna a subdelegada do Goberno, Maica Larriba que presidiu o acto e deu ás grazas aos catro responsables da lectura porque representan "á España plural, solidaria, xenerosa e comprometida" que simboliza a Carta Magna e leron pezas claves que garanten dereitos fundamentais como a liberdade, a xustiza, a igualdade e pluralismo político.
Maica Larriba reivindicou a Constitución como "o marco xurídico necesario para seguir creando unha sociedade cada día máis igualitaria e libre" e defendeu que persoas como as catro protagonistas do acto deste 2021 son o "mellor exemplo" dos valores do documento promulgado hai 43 anos.
Tamén fixo especial mención a eses principios fundamentais de liberdade, xustiza e igualdade coo os "valores sobre os cales temos que seguir traballando desde a esfera política pero tamén como sociedade". Fixo especial mención ña necesaria loita pola igualdade entre mulleres e homes que garante a Carta Magna, pois "non poderemos garantilos mentres a metade da poboación siga discriminada ou non poida andar pola rúa en liberdade sen medos á agresión".
A pandemia da covid-19 que restrinxiu a asistencia a este acto tamén tivo protagonismo no discurso da subdelegada, o único do acto. Larriba lembrou que a sociedade española deu exemplo de "compromiso e solidariedade".
No seu discurso tamén lembrou a necesidade defender a Carta Magna, coa que o Goberno ten un "compromiso inquebrantable" e contrapuxo esta postura á de "algúns fan referencia só cando lles interesa".
Tamén recoñeceu que é preciso reformala e corrixir un termo discriminatorio e descalificador coas persoas con discapacidade.
O acto tivo aforo limitado e contou coa presenza do presidente da Audiencia Provincial, Francisco Javier Menéndez Estébanez; o fiscal xefe, Juan Carlos Aladro; a xuíza decana, Belén Rubido; a directora da prisión da Lama, Teresa Delgado; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Simón Venzal; a comisaria da Policía Nacional, Estíbaliz Palma; o comisario de Vigo, Juan José Díaz; o xeneral xefe da Brilat, Luís Cortés; o subdelegado de Defensa, Miguel Constantino Cortés; o director da Escola Naval de Marín, Pedro Cardona; e o delegado de Economía e Facenda, Francisco López Peña.
Non faltaron representantes políticos de PP e PSOE. Estaban convidados ao acto todos os senadores e deputados de todos os partidos galegos e foi especialmente notable a presenza socialista, coa senadora Marica Adrio, o deputado Guillermo Meijón e os deputados autonómicos Paloma Castro e Gonzalo Caballero. Por parte do PP tan só acudiu a senadora Pilar Rojo e quedou baleira a cadeira do deputado Diego Gago. Non acudiu ningún representante do BNG.
Relacionadas:
-
Voces femininas para reivindicar os valores da Constitución, que "debemos ter moi presentes, hoxe máis que nunca"
Por Natalia Puga |
-
Maica Larriba defende "a sociedade de dereitos e igualdade que é España"
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Entrega de condecoracións ao Mérito Civil e de Protección Civil en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |