Campaña de crowdfunding relixioso para salvar o Santuario das Aparicións en Sor Lucía do seu actual estado de ruína
Por Anxo Lourido
Ao mesmo tempo que se xestionaba a operación de venda do convento de Santa Clara ao Concello de Pontevedra por un montante de 3,2 millóns de euros, outro edificio relixioso situado no centro histórico da cidade atópase en plena campaña de procura de fondos monetarios para que poida acometer a súa reforma. Trátase do Santuario das Aparicións, onde segundo a tradición cristiá a Virxe de Fátima se aparecía á pastora Sor Lucía para pedirlle a devoción dos primeiros sábados de cada mes, no denominado Santuario do Corazón Inmaculado de María de Pontevedra.
Se esa aparición se rexistraba o 10 de decembro de 1925, a Conferencia Episcopal quere que cando se cumpra un século desa data, dentro de catro anos, poida conmemorarse esa efeméride no edificio xa plenamente reformado.
Segundo recollen na páxina web do Santuario, un grupo de laicos da Parroquia Santo Cristo da Misericorida, de Boadilla del Monte, en Madrid, uníronse á recollida de fondos para levar a cabo as obras de rehabilitación a través dunha campaña mundial de crowdfunding. Afirman que o edificio se atopa nun estado ruinoso con fotografías que así o testemuñan e queren convertelo nun espazo con mellores condicións tanto para as visitas relixiosas como turísticas ao tratarse dun "referente mundial de peregrinación mariana".
A Conferencia Episcopal Española fíxose titular da licenza de obra maior e reclama doazóns para afrontar a operación de reconstrución, que consideran "urxente". Manterase o uso de vivenda relixiosa con capela.
Como primeiro reto marcáronse rehabilitar a cuberta, en moi mal estado, arranxar a planta superior, a Capela das Aparicións e adaptarse á normativa urbanística vixente. A última licenza deste edificio data de 1927, segundo sinalan, polo que é necesario actualizala.
Desde o inicio da campaña en xullo recadaron máis de 77.000 euros. O seu primeiro reto é lograr 400.000 euros para estas primeiras obras pero o obxectivo final sitúase en 898.000 para afrontar toda a reforma.
A campaña establece, a través da páxina web, un sistema de patrocinio. Entre outros materiais, pódese doar 5 euros para a adquisición dunha das 3.800 tellas para cubrir a Capela da Virxe. Un banco de madeira supón unha doazón de 50 euros porque se trata de "un asento que axuda á oración e o reclinatorio á adoración". Un confesionario conta cunha cifra de 300 euros. Está previsto a instalación de tres confesionarios no Santuario dentro do proxecto.
A reforma das habitacións e da cociña das monxas, Servidoras do Señor e da Virxe de Matará - Familia Relixiosa do Verbo Encarnado, elévase a 500 euros. A congregación permite escoller o elemento de patrocinio ou realizar unha contribución libre. A cambio, todas as persoas benefactoras serán incluídas nas oracións das relixiosas e o seu nome aparecerá nunha placa conmemorativa, ademais de ser convidadas á inauguración do Santuario.
Tamén se ofrece a posibilidade de converterse en Amigo do Santuario nas modalidades de bronce, prata e ouro, a razón de doazóns de 1.000, 5.000 ou 10.000 euros. Neste caso, a comunidade realizaríalle un agradecemento especial aparecendo o nome, se así o desexa a persoa doante, nun lugar destacado da placa conmemorativa.
Para realizar as doazóns figura a opción de entrar en www.donoamiiglesia.es para, a continuación, clicar en "Doar a unha parroquia, un seminario ou outros" en "Ciudad ou Código Postal" e tras seleccionar Pontevedra hai que indicar que se trata da parroquia "Santuario das Aparicións".
Unha vez superados estes pasos, a persoa interesada debe elixir a cantidade para doar e a periodicidade, sabendo que se pode poñer unha cantidade superior na última casa, encher os datos para o certificado fiscal e os datos de pago.
Ofrécese a posibilidade de obter un certificado de desgravación e, en caso, de que se desestime esta alternativa, o ingreso pódese tramitar na conta corrente aberta ES38 0030 1035 31 0002784271 indicando o titular: Conferencia Episcopal Española e o concepto: reforma Santuario de Pontevedra.
Como indican na promoción desta campaña para incentivar as doazóns: "gran a gran énchese un almacén".