As obras do Centro Cultural e Turístico 'Antonio Fraguas' finalizarán este mes
Por Redacción
O edificio que acollía o antigo cine-baile de Carballedo reconverterase no Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas, unha vez que finalicen os traballos ao longo deste mes de decembro.
O delegado territorial da Xunta de Galicia, Luís López, visitaba con Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade a zona para comprobar o desenvolvemento dos traballos de rehabilitación do inmoble. A previsión, segundo anunciou, é que as portas do novo centro cultural se abran a comezos de 2022.
Este espazo atópase na marxe esquerda da estrada PO-233 na entrada do municipio e conta cun investimento de 486.000 euros, dos que 350.000 foron financiados pola Axencia Turismo de Galicia en dúas anualidades a través dun convenio asinado co Concello.
Para a reforma utilízanse materiais nobres, como madeira ou zinc, e outros máis actuais como aluminio, aceiro e formigón. A intención é conservar a estrutura abrindo ocos para mellorar a ventilación e a iluminación natural. Tamén se incluíron novas tecnoloxías na rehabilitación.
A superficie será de 477 metros cadrados repartidos en dúas plantas. Contará cun vestíbulo amplo para recepcións, exposicións e punto de información turística. Ademais establecerase unha aula formativa multifuncional con 55 metros cadrados no primeiro piso, unha gran sala de 150 metros cadrados, capacitada para a celebración de grandes eventos ao permitir a presenza de 130 persoas.
Relacionadas:
-
Cotobade dedica a Antonio Fraguas o seu novo centro cultural e turístico en Carballedo
Por Redacción |
-
Proxectan unha rampla de madeira para mellorar a accesibilidade da praia fluvial de Calvelo
Por Redacción |
-
Cotobade acolleu a presentación do libro "Na lembranza dos veciños", de Antonio Fraguas
Por Redacción |